O que ten que facer un home


Non é disparar polas costas a unha muller, como fan os covardes. Tampouco é apuntar desde lonxe, coma un francotirador calquera, coma se estivésemos en guerra. Se cadra, o asasino de Ana Belén Varela, ese que rompeu indignamente o trato de que a quen queres non a matas, cre, coma tantos outros, que isto é a guerra, que ás mulleres cómpre pararnos os pés. Pero a destes tipos que asasinan mulleres non é unha guerra de trincheiras e estratexia militar, nin sequera unha guerra fría, senón só a guerra noxenta dos camorristas. Un paso mal dado e acribíllante polas costas. Unha mínima tentativa de estabelecéreste pola túa conta, e danche pasaporte á eternidade. Coma na mafia, quen era o teu amigo traizóate á primeira se así mantén o poder, disfrazado, claro, do concepto de corrección, esa invención que sempre prexudica ás mulleres. Cada vez que oio a palabra «corrección» eu si que boto a man á pistola, porque xa saben, eu son unha incorrecta e probabelmente calquera día hai un que me mata por iso. Pero nin sequera as incorrectas andamos por aí con pistolas, e por iso se atreven a dispararnos polas costas, porque imos desarmadas, e quizais porque un día lles dixemos «quérote».

O que ten que facer un home é saber estar só. Aprender a facer as cousas que lle dixeron que fariamos as súas criadas. Entender que a testosterona non se esfuma por non ter sexo, unha lección darwinista interesante que demostra que as mulleres non existimos para iso, así que, queridos, podedes matarnos ou violarnos, pero levades as de perder. O que ten que facer un home é preguntarse que clase de estúpido é, se a única maneira de reter a unha muller é pegarlle tres tiros en plena fuxida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
34 votos
Comentarios

O que ten que facer un home