Será cousa dos técnicos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas traxedias, con distintas consecuencias, teñen no punto de mira aos técnicos da construción estes días. Por un lado, un paseo marítimo utilizado como pavillón de concertos e, por outro, unha ponte no medio dunha autopista.

Non serei eu quen defenda aos encargados de deseñar ou executar as obras sen ter datos suficientes, pero, tras anos exercendo a profesión, algunha idea podo dar e ter. Os técnicos non sempre son os responsables.

Quen sabe, quizais ese paseo estaba ben calculado e construído para ser iso, un paseo, non unha plataforma que soportase as cargas de miles de persoas ao son da música.

Tamén pode ser que ese paseo tivese unha vida útil que xa expirara... quen sabe!

Ou, se cadra, despois de trinta anos, esa autopista, dimensionada para o tráfico que soportaba e moito máis, non foi sometida a un plan de mantemento axeitado. Quen sabe!

O que non se pode é cargar unicamente contra quen deseñou ou construíu unha estrutura. Porque, quen sabe!, igual os técnicos fixeron ben o seu traballo.

Quizais fixeron os cálculos correctos, quizais cumpriron todas as normativas aplicables, quizais as prescricións técnicas eran correctas...

Pero a pedra, os ollos e a responsabilidade caen de primeiras sobre eles.

Non está de todo mal se quen é responsable da construción, mantemento, explotación e uso desas estruturas tamén ten en conta aos técnicos desde o primeiro ata o último momento, sen dobregalos a cuestións económicas, políticas ou temporais (referidas a prazos).

Técnicos para todo.