«Matádemo na casa!»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, 17 de agosto, é o Día da Galicia Mártir, data escolleita polos exiliados galegos na Arxentina para lembrar e honrar o día no que foi fusilado Alexandre Bóveda en 1936. Foi Castelao quen debuxou en vinte estampas o martiroloxio galego dos primeiros meses posteriores ao infausto Dezaoito de Xullo. Publicounas en Valencia (daquela, capital da España republicana, da España leal), no 1937, en dous álbums que honran a plástica de denuncia do século XX: Galicia mártir e Atila en Galicia. Estes 20 debuxos constitúen, sen dúbida, o Guernica galego, o noso Guernica. Exponse desde hai anos, magnificamente, no Museo de Pontevedra.

Nesas vinte estampas, o lapis conmovido e revelador de Castelao debuxa a crueldade da represión en Galicia, unha realidade artística que a ninguén, 81 anos despois, deixará insensible. Son moi elocuentes as escenas nas que as nais choran aos seus fillos. Moitas das estampas son realidades que os soldados galegos desertores (da tropa franquista) contaron ao consternado Castelao.

Pero hai un feito, protagonizado por unha nai, que Castelao descoñeceu, ou non se atreveu a debuxar. Trátase dunha nai, das terras da Limia Baixa, que viu ao comezo da Guerra como uns falanxistas doutra comarca levaron, atado e humillado, ao seu home, que nunca volveu á casa. Aquela muller, anos despois, non sabía en que cuneta, en que pozo ou en que corga estaba o cadáver. En outubro de 1936, aquela muller tivo que ver como outros falanxistas entraron na súa casa para levaren, atado e humillado, ao seu único fillo, un mozo novo. Sabía aquela muller que coas súas palabras non impediría a morte do rapaz, pero algo implorou daqueles desalmados: «Matádemo na casa!». A máxima ilusión daquela nai -convencida do asasinato- era a de que o cadáver do seu fillo non desaparecese para sempre. Conformábase con poder enterralo e honralo, mentres ela vivise, no camposanto veciñal. Por iso imploraba: «Matádemo na casa!».

Os gramáticos distinguen ben entre «Matádeo na casa!» e «Matádemo na casa!», cun dativo ético que tamén existe no castelán («¡Matádmelo en casa!»). Aquela muller proclamaba que a morte que solicitaba só a ela concernía: se mataban ao fillo só implicaba a ela, pois non existía para o resto da xente, que non o quería, ou que o quería minimamente. Por iso non implora: «Matádeo na casa!». É unha historia, unha «cousa da vida», que lle oín contar ao profesor Sergio Vences, catedrático de Filosofía na Universidade da Coruña, que nos deixou hai anos. Cóntaa o ilustre profesor nalgún dos seus inéditos.