O espazo e o espectro radioeléctrico

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un presidente do Goberno español (José María Aznar) creou un conflito informativo: teimaba co «espacio radioeléctrico». Confundía Aznar o espazo físico con espectro radioeléctrico, dous conceptos ata hai pouco ben separados e diferenciados, sen colisións entre eles.

Un presidente de Goberno (e xefe de Estado) suramericano (Nicolás Maduro) veu engadir confusión por un suposto atentado contra a súa persoa con «abellóns mecánicos» cargados de explosivos, o cal dá para falarmos de algo grave.

Fóra de intencións magnicidas, os «drones» poden provocar desastres ao colidiren con aeronaves tripuladas: as súas baterías estouran dentro das turbinas dos avións provocando quebras de álabes.

Sen tanto dramatismo, poden ter accidentes sinxelos coma, por exemplo, os derivados de bateren contra unha rede eléctrica.

O que hoxe preocupa a pilotos e enxeñeiros de telecomunicación é que os drons sexan manexados con sistemas de radio nunha zona «liberada» do espectro radioeléctrico: a das vulgares redes de área local (WiFi).

Comezaran coma xoguetes compartindo esas frecuencias, o que dá lugar a interferencias e posibles desvíos de ruta que poden resultar moi perigosos.

Segundo se profesionalizan, urxe asignar «frecuencias para drons» que permitan regular o tráfico aéreo, tendo en conta todo o que voa -con persoas ou sen elas- e as relacións entre pilotos a bordo e pilotos (de drons) en terra.