Bloqueo cubano: resposta


Cómpre volver a un vello tema, a un tema de hai décadas: a decisión unilateral dos Estados Unidos de converter a Cuba nunha illa á que non chegue axuda de ningún tipo, que é un xeito de limitar angustiosamente as posibilidades dunha sociedade, duns millóns de seres humanos que estaban protagonizando unha experiencia política inédita nas Américas. Este bloqueo foi decretado por un país moi poderoso, que incluso o impuxo a moitos dos seus aliados, países, no fondo, cómplices da iniquidade, dunha indecencia moral. Que sería da experiencia cubana sen este pesadelo, sen esta camisa de forza, sen este asedio económico por terra, mar e aire?

Como bibliógrafo, debo sinalar que Galicia, en distintas ocasións, ten producido páxinas excelentes cuestionadoras do bloqueo que non cesa. Hai días, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil presentou en Vigo un coidado volume de 52 páxinas co título Nós, con Cuba. Nós contra o bloqueo. Son responsables da edición e do estudo introdutorio Celso López Pazos, Moncho Leal e Ventil Carvalho, e colaboran, con textos breves, Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Pilar García Negro e X. Alonso Montero. Son catro voces cuestionadoras do bloqueo con música e matices distintos, como esixe a complexidade da infamia rexeitada. O último dos colaboradores finaliza o seu artigo, A miña carraxe contra o Bloqueo, deste xeito: «Canallada moral non é unha expresión hiperbólica: que un país case todopoderoso decida abafar non só a economía, senón as bases da existencia mesma dun país moi pouco poderoso, é unha aberración política, unha indignidade cósmica. Unha vez máis, a razón da forza contra a forza da razón».

Só merece parabéns a asociación viguesa que editou esta resposta galega a un dos conflitos maiúsculos que pexan as relación entre os países. A entidade estrea con este volume a Biblioteca Galego-Cubana Herminio Barreiro, homenaxe ao gran profesor de Pedagoxía (1937- 2010) que foi un entusiasta estudoso do feito educativo cubano nos primeiros anos da Revolución.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Bloqueo cubano: resposta