E José Antonio resucitou en 2018

OPINIÓN

30 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un programa que, sen dúbida, farían seu dende José Antonio a Albert Rivera, pasando por Calvo Sotelo e Aznar

O milagre tivo lugar: despois de oitenta e dous anos, José Antonio resucitou encarnado no novo presidente da dereita (dunha delas, porque agora, no dicir de Echenique, hai tres dereitas ultras), quen, a xulgar polo seu programa, se sitúa como se hoxe estivésemos vivindo nos anos trinta. Así de retro. 

O novo presidente é partidario, en materia de aborto, de retrotraernos á lei de 1985, rexeita a Lei de Memoria Histórica, propón ilegalizar os partidos independentistas, refuga a eutanasia, defende o que un medio de dereitas chamou unha «exacerbada vocación centralizadora», nin falar de que os presos de ETA vaian a prisións máis próximas ás súas familias, ignora que tivemos unha ditadura de corenta anos e as súas consecuencias, mantén a relixión como materia avaliable, a corrupción nunca existiu...

Un programa que, sen dúbida, farían seu dende José Antonio a Albert Rivera, pasando por José Calvo Sotelo e Aznar. Un programa como se neste país e en Europa non estiveramos nos tempos en que estamos, como se tivésemos botado áncoras nos anos trinta e alí nos quedásemos pexados para sempre.

Pensan algúns que un programa tan reaccionario foi proposto coa finalidade de procurar a unidade das distintas familias do partido e que, no suposto de Goberno, non se mantería. Pero iso son adiviñas: as familias son tan diversas agora coma en caso de que toque exercer o poder. E tendo poder sempre foron boas de contentar.

Non semella todo iso moi boa presentación para quen di que se propón rexenerar o partido. Nin sei que credibilidade poderá ter quen, ademais, se presenta cos tribunais furgando no seu pasado académico. É esa a dereita moderna esperada? Ou é que agora, por escoramentos ultra, temos tres distintas e ningunha verdadeira?