Linguaxe inclusiva

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

El director de la Real Academia, Darío Villanueva
El director de la Real Academia, Darío Villanueva ZIPI

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin sequera hai que ir contra esa bandeira da economía lingüística que case ningún dos verborreicos académicos practica pero enarboran coma se non fose un concepto discutíbel, só para xustificar o tedio co que nos miran desde os seus pedestais. Dígoo porque leo nunha entrevista como, nun precioso xesto de metonimia, o presidente da Real Academia Española cre imposíbel unha redacción da Constitución en linguaxe inclusiva só porque a RAE non sabe, ou non dá, ou non ten ganas de facer un informe ao respecto que lle solicitou o Goberno. 

Por sorte, as linguas viven, e esa cacarexada economía rexerá incluso se usamos a linguaxe inclusiva na Constitución, porque, en fin, os textos legais están redactados coma se alguén falase cunha pistola na caluga e fose recibir un tiro cada vez que dubida nun termo.

En realidade, case ningún texto escrito responde á lóxica oral cotiá, e iso, que Deus me perdoe, sábeo o presidente da RAE mellor ca ninguén, así que, que non nos veña con historias. Este innecesario alarde procede da boutade machista de varios académicos, e tamén do descoñecemento da RAE sobre unha España que xa manexa a linguaxe inclusiva, convertida nun rexistro que só estraña a persoas tan pagadas de si mesmas que xa non escoitan falar fóra das gordas paredes das academias.

Arturo Pérez-Reverte dixo que marcharía da RAE se a Constitución se facía inclusiva. Albricias! Bo comezo para a limpeza que xa lle está cumprindo desde que lle negaron o ingreso a Emilia Pardo Bazán. Está ben lembralo agora que o machismo lles volve saír polas orellas e que as académicas calan. Porque non hai mellor economía lingüística que a de estar calados antes de dicir estupideces.

As linguas viven, e esa cacarexada economía rexerá se usamos a linguaxe inclusiva na Constitución