Pórtico da Gloria, tempo da cidadanía

Daniel Lorenzo DIRECTOR DA FUNDACIÓN CATEDRAL

OPINIÓN

26 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez anos de restauración do Pórtico da Gloria, sen poder admirar as súas múltiples facetas: a inserción da obra na arquitectura do conxunto catedralicio, a escultura con todo o seu contido iconográfico e simbólico, as capas pictóricas, obxecto máis importante da intervención, e, sobre todo, a súa dimensión espiritual. A percepción da arte e do sublime aproxímanos ao transcendente.

Durante unha década, a Fundación Catedral, a Fundación Barrié, mecenas da restauración, e as administracións que soportan as outras obras, afanáronse para resolver os problemas que ferían a alma e a materia da obra mestra da arte románica. Agás os visitantes que puideron seguir de preto o proceso, foron tempos de expertos e estudosos, que se empregaron a fondo e merecen o noso recoñecemento.

Agora, unha vez desmontadas as estadas, o Pórtico recupera o seu espazo ambiental e humano. As luces que entran polas fiestras debuxadas por Fernando de Casas son diversas, unhas reflectidas desde a praza, outras naturais procedentes da bóveda celeste, en cambio permanente ao longo do ano. A arquitectura mateá amósase en toda a complexidade das formas e das distintas policromías que traducen o sentir de cada século, ás que o po acumulado e o desleixo aportaban melancólica uniformidade. As sucesivas mans, máis ricas -ouro, lapislázuli, brocados- ou máis modestas, foron preservadas e restauradas como mandan os canons e obriga a lexislación. Ningún repinte, ningún engadido; tal como chegaron, así se entregan.

O Pórtico queda monitorizado para comprobar como varían as condicións ambientais ao reintegrarse ás naves, porque esixe estabilidade tanto no que atinxe a niveis de humidade e temperatura como á regulación do acceso de visitas, limitando o aforo e evitando posibles riscos derivados da acción humana.

Retorna o tempo dos cidadáns. A través do acceso e da propia liturxia cómpre crear unha nova forma de aproximación, na que os visitantes pasan a ser asemade conservadores do ben patrimonial.

A partir deste venres accederase desde o Obradoiro, subindo pola maxestosa escaleira maximiliana ata acadar a terraza, volverse para contemplar a praza cos seus contornos paisaxísticos, e entrar entornando as portas, en grupos reducidos, cun protocolo especial de respecto. Nese tránsito ascendente recibirase información, porque a Fundación Catedral está empeñada en transmitir un discurso culto que evite a masificación sen impedir o disfrute. Tamén se apreciará a obra desde o interior da basílica, mediando unha discreta separación desde o último tramo das naves previo á hierotopía do Pórtico e coa perspectiva do contrapórtico.

En outubro iniciaranse as obras no interior do templo e o Pórtico presentará outra dimensión, terá que ser encriptado no contacto coas naves, para que a contaminación e o po non o danen.

A cidadanía do século XXI apoderouse da praza do Obradoiro e modificou o ritual de acceso da peregrinación, a rede espiritual e cultural que, desde calquera lugar do mundo, culmina diante da ourivería pétrea da fachada da Catedral, hoxe igualmente restaurada.