Antón Fraguas, a voz do pobo

Francisco Díaz-Fierros TRIBUNA

OPINIÓN

23 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega vén de decidir que o Día das Letras do 2019 estea dedicado a Antón Fraguas Fraguas (1905-1999). Quérese dar a coñecer o labor incansable deste estudoso do noso folclore, sobre todo no relativo á recuperación e posta en valor da expresión popular do galego recollida nas cantigas, lendas, refráns e dicires do pobo. Traballou para salvar do esquecemento esa cultura, que describiu maxistralmente coas súas verbas enxebres e agarimosas, nunha época na que permanecía viva en moitos recantos do país, pero que xa comezaba a manifestar signos inequívocos de cambio. Os seus estudos serviron para deixar constancia dun mundo que desaparecía e que ata entón fora o reduto onde lingua e costumes seguían a manter sinais de vida e identidade.

Dos 56 días das Letras Galegas celebrados, máis da metade foron dedicados a poetas. Despois virían os que dun xeito xenérico definiriamos como intelectuais galegos por cultivaren unha ou varias actividades relacionadas coa historia, filosofía, antropoloxía, etcétera. e, finalmente, os relativos a outros xéneros da creación literaria e dramática. Todos eles representarían a expresión do galego máis culto e requintado, algo totalmente necesario para amosar as excelencias e capacidades expresivas dun rico idioma coma o noso.

Considerouse tamén como moi oportuno que no próximo ano os nenos e nenas, mozos e mozas dos centros do ensino, así como en xeral os galego falantes soubesen do galego popular, esa fala que resistiu o paso dos séculos e da que se nutriu o vizoso rexurdir das letras galegas.

Pero na biografía de Antón Fraguas hai feitos e obras abondosas como para cualificalo coma un dos grandes da cultura galega ao que aínda non se lle tiña dedicado un Día das Letras. Membro moi activo e sinalado do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, colaborador asiduo de A Nosa Terra e Nos, foi un loitador da causa galeguista, o que lle supuxo ser afastado catorce anos como profesor de Xeografía e Historia do Instituto da Estrada e ter que varrer as rúas como castigo ruín. Foi presidente e director do Museo do Pobo Galego e numerario da RAG. Narrador excepcional, fixo da transmisión oral unha arte de como o saber erudito pode comunicarse con sinxeleza. Destacou como un mestre na recuperación e descrición do mundo rural que amosa nos seus traballos coma un interminable e inesquecible retablo onde se destilan as esencias do tecido histórico e afectivo, dos que dixo Eiras Roel (2006) que non só eran amenos relatos, senón que tamén representaban unha manifestación adiantada para Galicia da Historia das Mentalidades. Nestas obras quedou constancia da súa expresión, enxebre e próxima con verbas aprendidas e nunca esquecidas da terra de Cotobade, e das que deixariamos como mostra o fermoso e sinxelo título do discurso co que fixo o ingreso na RAG: «Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán».