Irmandiños

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun país doente polas individualidades e tristemente acostumado aos litixios recorrentes incluso na propia familia sona estrañamente fermoso falar de irmandades. E moi duros tiñan que ser aqueles tempos para que un bo número de galegos fosen capaces de se poñer de acordo e actuar colectivamente. Xa se sabe que un inimigo común fortalece relacións incluso entre partes que semellarían doutro xeito absolutamente irreconciliábeis. Aqueles inimigos eran duros e os tempos pintaban mal, os constantes abusos de poder cada vez maiores, sumados á miseria, ás epidemias e a un contexto desfavorable, deron como resultado o perfecto caldo de cultivo para o nacemento dunhas irmandades creadas para facer fronte a esa situación social e política insostíbel. A primeira delas foi A Fusquenlla, que en 1431 ergueuse contra o señor Nuno Freire de Andrade O mao, señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba, home de ruíns tratos coa xente que habitaba nos seus dominios, de aí o seu alcume. E conta a historia que máis de 10.000 homes liderados polo fidalgo Roi Xordo chegaron a derrubar algunhas das súas fortalezas e incluso a asediar Compostela, onde tivo que se refuxiar fuxindo do fustrigamento, mais o trunfo final foi del, e este primeiro levantamento rematou pouco despois coa derrota e axustizamento exemplar para os líderes desta Irmandade. Ese foi o comezo ou ensaio da gran revolta que tivo lugar entre 1467 e 1469, a Grande Guerra Irmandiña, xeralizada por toda Galicia e probablemente a maior das revoltas acontecidas no século XV. Un levantamento exemplar de pobres contra ricos que se produciu no noso territorio, aínda que apenas sexa coñecido pese a ter unha gran relevancia incluso a nivel europeo, e que concluíu da peor maneira posible: vencendo os de sempre. Continuamos!