Albor, primeiro presidente

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De entrada, as condolencias á familia do finado. Sobre Xerardo Fernández Albor o punto de vista da historia será diferente do que hoxe uns e outros din e fan del, sempre é así, pero sexa como sexa e digan o que digan el foi e seguirá sendo o primeiro presidente da Xunta de Galicia por riba de calquera outra consideración. A súa longa vida de cen anos dá para moitas glosas e para escollas diferentes, do seu adestramento militar en Alemaña nos anos trinta á presidencia da comisión que dirixiu a reunificación daquel Estado a comezo dos noventa. A vida de moitos singularizada política e publicamente nunha persoa.

Albor foi presidente de Galicia con Alianza Popular en 1982. Aquilo foi unha sorpresa, aínda hoxe chea de significado para entender moito daquel pasado e deste presente. O primeiro presidente da Galicia autónoma non foi exactamente un antifranquista como os que ocuparon a presidencia de Cataluña ou de Euskadi, e dende logo o partido polo que se presentou como independente non tiña nada de tal. Pero el tampouco proviña da cerna das estruturas do Movimiento Nacional trasladadas á UCD, como o primeiro presidente da preautonomía de Galicia, Antonio Rosón. Esta foi outra diferenza importante de Galicia coas outras dúas nacións históricas, que asentaron o seu arrinque preautonómico na lexitimidade de dous exiliados. En todo caso, Albor tiña outra orixe, diferente á do franquismo, e movíase nun entramado de relacións diferente á do Movimiento, do que case por casualidade puido beneficiarse o grupo político fundado por Fraga. Presentado como cabeza de lista resultou providencial para un grupo político que en 1981, cando se celebran as primeiras eleccións non acreditaba na autonomía de Galicia.

Este galego tampouco pertencía á UCD, nin fora chamado por ela, porque de selo non tería chegado a presidente. Era un dos médicos de La Rosaleda compostelá, cultos, melómanos e ben relacionados. Vinculados ao galeguismo a través de García Sabell e Sixto Seco, vinculados por esa vía a Piñeiro e ao galeguismo vigués de Galaxia.

Albor foi un dos fundadores da editorial Sept do galeguismo católico e formou parte dun feixe de padroados vinculados ao galeguismo cultural, do de Rosalía ao do Museo do Pobo Galego. Afeito a representar, en 1981 presidía tamén o padroado da universidade. Non é de estraño que cando é elixido presidente da Xunta polo Parlamento galego, como cabeza da lista máis votada, sexa visto como «un dos nosos» polo galeguismo piñeirista que nutría moitos partidos daquel Parlamento.

Como primeiro presidente de Galicia é o retrato dunha época. Dalgún xeito foi o máximo que o galeguismo da oposición antifranquista vinculado ao exilio logrou influír, e non foi pouca cousa dende o seu punto de vista. Era o menos político daquel grupo e o máis periférico. Ou sexa o máis apolítico e o menos vinculado aos partidos creados na oposición foi o que acadou a presidencia da Xunta. Non Paz Andrade ou Piñeiro ou Illa Couto. Albor representouse como un galeguista conservador e marcou así o nacemento da autonomía. Mentres a maioría do nacionalismo cometía o erro histórico de rexeitala.