Un país non se fai sen xente


A nosa capacidade de renovación demográfica está exangüe. Informes oficiais anuncian que chegaremos a 2031 con perto de 400.000 habitantes menos, contados desde comezo deste século, cunha media de 35 por día. O certo é que Galicia é unha das rexións europeas con maiores niveis de envellecemento e peores taxas de natalidade, ao que hai que engadir que somos tamén unha comunidade que leva moito máis dun século expulsando forza de traballo. Nos primeiros tempos da diáspora, as remesas que chegaban para as familias que quedaban aquí equilibraron a nosa economía durante decenios, pero diso xa pasou moito tempo e se corresponde cun momento histórico de penuria politica, social e económica. No caso da emigración da segunda metade do século XX o regreso era case sempre seguro; a estadía noutros países europeos foi máis temporal ca as de quen se instalaron nas Américas con anterioridade. Agora están a regresar algúns dos nosos de países en crise, como Venezuela, pero non se pode considerar como unha tendencia que afirme que desde fóra nos vexan como un lugar con promesa de éxito.

Precisamos fixar as enerxías e os talentos para que non fuxa o capital humano necesario e capaz de proxectar estratexias de futuro para un territorio cunha poboación en declive. Máis non se aprecian expectativas de cambio a curto ou medio prazo para esta tendencia consolidada pola reducción nun 50 % da taxa de fecundidade respecto a 1975. Ou polo feito de que un de cada catro galegos ten máis de 65 anos e só o 15 % ten menos de 20. Ou cando a idade media dos residentes nas dúas terceiras partes do país supera os 50 e xa son pensionistas o 35,3 % da poboación.

E logo está ese fenómeno -tan de nós- que nos fai vivir nunha realidade inversa: en 2016 había 358.374 galegos nados no exterior, fronte a 153.456 que naceran en Galicia. O último informe Nós no mundo do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) facía fincapé nesta situación que non se vai corrixir só co Plan Retorna 2020 da Xunta de Galicia para atraer a xente nova que reside no exterior, calquera que sexa a súa circunstancia, que consideraría un éxito atraer a 20.000 dos residentes no exterior nos tres próximos anos.

Falla sentidiño. Nada será posible se non se dan as condicións para frear a fuxida dos que marchan. Logo, talvez, virán os que naceron fora. Convén escoitar, por exemplo, a eses xoves investigadores emigrados que vindicaban, nun recente manifesto galego pola ciencia, a necesidade dunha estratexia a longo prazo para crear un sistema científico sólido e para xerar riqueza e benestar económico e social, porque «é imposible desligar o desenvolvemento socioeconómico e cultural dun país, dos seus avances en ciencia e tecnoloxía». Pois iso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Un país non se fai sen xente