O maquinista triste


Non lles treme o pulso ao ergueren o dedo acusador cara a el, adxudicarlle unha chea de mortes e mirar para outro lado

Sorpréndeme a capacidade que teñen algúns políticos da comisión de investigación do Congreso sobre o accidente de Angrois para choraren emocionados ante unha bandeira, un aplauso ou un himno, e logo poñen cara de póquer cando teñen diante ao maquinista do Alvia chorando de frustración e culpa. Mesmo como aconteceu co capitán do Prestige, non lles treme o pulso ao ergueren o dedo acusador cara a el, adxudicarlle unha chea de mortes e mirar para outro lado en aras dese estraño conceptotan propio da mediocridade política, ‘salvar o cu’, por manter non sei que poder.

Nada do que poida pasarlle a un político que asuma as responsabilidades correspondentes do que aconteceu co accidente do Alvia, e mais da trapallada anterior e posterior que fomos sabendo co paso dos anos, é comparábel ao calvario deste home triste para sempre que soña a diario coas 80 persoas mortas; mentres dous ministros, e aproximadamente unha ducia de cargos medios da Administración, dormen cos sobresaltos propios de teren un problema basicamente administrativo. Non nego que non sintan a mesma dor que sentimos todos ante o accidente que nos partiu aquel verán en dous, pero é o maquinista quen carga ao lombo coa traxedia. A traxedia en sentido clásico: fixera o que fixera, había unha orde de acontecementos que o converteron nun monicreque diso que os gregos chamaban destino, ou xustiza poética, ou fatalidade, e que no noso tempo se chama incompetencia. E tamén moita mala baba, por non querer asumir determinadas responsabilidades que, en fin, non lles volverán a vida ás persoas que faleceron, pero si un pouco de paz a familiares e outras vítimas e, sobre todo, ao maquinista triste.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

O maquinista triste