Un sol


Coñecéronse un día de sol alto. Iso é o que ela garda na memoria. As anduriñas xa colgaran dos tellados a súa figura aluada e nerviosa. El debeu recitarlle poemas de amor adolescente, os que nunca poden esquecerse. Como tampouco esquecemos os debuxos da infancia: racimos de uva, mazás, soles. El pintoulle un sol debaixo duns versos de Neruda, triunfante entre as súas tristezas: «A plena luz de sol sucede el día, el día sol, el silencioso sello extendido en los campos del camino. Yo soy un hombre luz, con tanta rosa, con tanta claridad destinada que llegaré a morirme de fulgor». Pero quedaba demasiado tempo para morrer, pensaba ela. Gozaron todo o que podían gozar un home e unha muller. Os atardeceres nas praias solitarias do azul Atlántico, o Mediterráneo desfiando brillos de Altea, os lagos xeados de Islandia e as ruínas vivas de Roma, Florencia e Praga, Goethe e Kafka, a voz de Kavafis durmiñando en Atenas, a América de Cheever e Roth, Borges bailando un tango cego sobre unha copa de Crystal Roederer en Buenos Aires. Amáronse tanto que ata as milpéndoras despertaban máis felices: piaban harmónicas. Pero el comezou a esquecer, alzheimer. Primeiro dubidou da utilización dos dedos, que xa non sabían acariñar a pel dela. Ignoraba cómo escoitar música. Despois deixou a música de lado e os dedos comezaron a quedar mudos, como a súa alma. Ela choraba. Comezou a beber a todas horas: para perderse. Ingresárona en urxencias varias veces. A el, nunha residencia con vistas ao mar. Marchou. Ela saíu de todas as urxencias. Quixo ver o mar que el mirara nos últimos días. No caixón do cuarto encontrou un folio. No medio, con trazo simple, un redondel amarelo. Un sol, dixo ela (…). E sorriu.

Votación
24 votos
Comentarios

Un sol