O monte galego necesita máis apoio


Avogado e vicesecretario Xeral do PSdeG

Pouco queda xa do entrañable universo que narrara Fernández Flórez, aquel bosque animado no que coexistían animais, homes, lendas e, en suma, unha cultura ancestral pegada á terra.

Para o homo economicus, o sector forestal representa hoxe o 3,5?% do PIB de Galicia e unha das principais actividades económicas, que ocupa a 70.000 persoas nun país azoutado polo desemprego. Por sí soa, Galicia é a novena potencia forestal europea, producindo a metade da madeira que se corta en España. Estas magnitudes acadáronse a pesar da desidia pública e de que un tercio do monte galego é improdutivo, cifra moi superior á de outros lugares con tradición forestal, o que dá idea do gran potencial desaproveitado.

O plan forestal de 1992 prevía invertir no sector o 3 % do orzamento autonómico, que na práctica quedou na metade, gastando máis en apagar lumes que en racionalizar o monte. En síntese, a única política forestal que practicaron os sucesivos gobernos populares foi a de ti vai plantando, sobre todo eucaliptos, de modo que o obxectivo do plan de 1992 para o ano 2032, 245.000 hectáreas de eucalipto, estímase superado hoxe, con máis de 300.000.

No monte galego conflúen medio ambiente e economía. O eucalipto é un recurso económico que debe ser compatibilizado co respeto ó medio. O exceso de oferta non vai beneficiar ó sector. A necesidade de limitar a expansión da especie, recoñecida pola propia Xunta, é maior habida conta da irrupción do e. nitens, que medra nas zonas interiores de Galicia, onde non podía facelo o tradicional e. globulus. Dito doutra forma, coa chegada do nitens, os límites naturais do eucalipto desaparecen, polo que o seu potencial colonizador é ilimitado.

A inexistencia dunha política forestal digna de tal nome afondou os problemas do monte. A revisión do plan forestal é unha ocasión para dinamizar un sector económico estratéxico, dentro do dereito a un medio ambiente adecuado e sen perder de vista a íntima relación cos lumes. Non contribúe á esperanza a carencia -criticada polo Consello de Contas- dunha mínima avaliación do cumprimento do plan anterior.

Cabe mencionar a importancia de diversificar especies, de fomentar decididamente a xestión silvícola, case inexistente no caso das frondosas, e de figuras asociativas que mitiguen o agudo minifundio, así como a necesidade dunha fiscalidade favorable para un sector especial no que os beneficios ambientais poden ser actuais pero o rendemento económico tarda en chegar.

Votación
11 votos
Comentarios

O monte galego necesita máis apoio