Andazo machista


Máis vítimas dun andazo que semella imparable. Un non deixa de se preguntar cantos anos e xeracións precisaremos para pór fin á violencia contra as mulleres. Cada nova trae un arrepío e case unha vergoña polo simple feito de seres home. Mais, como axudar a rematar con esta lacra e fomentar a igualdade e a solidariedade entre xéneros? Se un pon o foco na mocidade de hoxe, xorden as dúbidas con respecto á esperanza porque aínda é doado reparar na asunción de patróns de conduta e actitudes machistas que o sistema educativo actual non é quen de contrarrestar. A mobilización social e a nosa conciencia son necesarias, igual que unha educación comprometida que estableza as relacións de xénero en base á igualdade, a harmonía e ao respecto mutuo, pero tamén se requiren medidas públicas que garantan servizos xurídicos gratuítos e protección para calquera muller que se atope nunha situación de violencia. Isto é fundamental para dar o paso.

 

Hai xa moitos anos, cando cheguei a Boiro, chamoume moito a atención a morea de separacións e divorcios que había na vila, cunha cifra que debe de se aproximar á de calquera cidade. Non vou dicir que isto sexa algo positivo, que non o é, mais si pode explicar algo dun problema tan complexo e delicado. Nun primeiro momento, deume por pensar que tanta ruptura tiña que ver con cuestións antropolóxicas, como o carácter aberto e decidido das boirenses. Pero non. As dúas razóns principais son as conserveiras, porque lles achegan certa independencia económica ás mulleres; e a proximidade das familias que as apoian e as protexen á hora de tomar unha decisión que, nalgúns casos, talvez lles poida salvar a vida e lles devolva a súa liberdade.

Votación
31 votos
Comentarios

Andazo machista