O padriño inmortal


Despois de ver a película O padriño unha vez máis (e adoito vela con frecuencia) non hai maneira de que me convenza de que Marlon Brando morreu hai xa 14 anos (fíxoos o pasado 1 de xullo). Algo curioso, porque eu nunca fun un admirador incondicional del, agás polas súas interpretacións en ¡Viva Zapata! (1952) e A lei do silencio (1954). Pero o que fixo en 1972 ao encarnar O padriño, cando xa estaba a decaer como actor e non era o preferido do director Coppola, foi unha interpretación maxistral de principio a fin. Algo que un non cansa de ver unha e outra vez, xusto pola súa mestría.

O padriño figura como a mellor película da historia, segundo os usuarios de Internet. E isto probablemente perdurará, porque non é doado compoñer unha obra con tanta perfección e tantos equilibrios internos. Todo o tempo estamos diante dun vello actor que non parece que actúe, pero que, porén, non para de facelo. Quizais por iso O padriño que el protagoniza -a primeira parte da triloxía- é unha mostra de saberes que teñen fondas raíces interpretativas no mestre Stanislavsky e os seus discípulos americanos. Por iso cabe preguntar se morreu Brando, ese home que de certo finou o 1 de xullo do 2004, pero que parece máis vivo ca nunca na obra de Coppola (agora revisitada, por certo) e tamén nas escenas conradianas de Apocalypse Now (1979). Coido que vén a conto falar deste actor porque é falar dese finado que segue tan vivo como podemos comprobar en O padriño, onde acada o ceo. Un actor de cine e de teatro que naceu en abril de 1924 e que calquera diría que aínda segue vivo, malia sabelo todos xa morto e ben morto. Quizais porque Brando viviu sempre interpretando personaxes que o desafiaban e que el quería que fosen el mesmo: actores da vida.

Gañou dous Óscar (un por O padriño), dous Globos de Ouro e tres Bafta, e mereceu moitos máis. Foi certamente irregular nas súas actuacións, pero esta foi a súa maneira de andar pola vida, de subir e baixar, de desafiar os límites das propias ofertas que recibía. Quizais por isto morreu case pobre, pero inesquecible! Foi a forma de vida que escolleu desde que, sendo mozo, marchou da súa casa para subir a un escenario case eterno.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O padriño inmortal