Orientación educativa

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

02 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Téñense cumprido xa vinte anos de vixencia da normativa que regula a orientación educativa en Galicia, pioneira a finais do século pasado e modelo para varias comunidades autónomas. Malia que vinte anos non é nada, como diría Gardel, é tempo de botar a vista atrás, agora coa fronte murcha e as neves do tempo nas nosas sens, para ver en que se ten acertado ou non.

Nacían os departamentos de orientación nos centros educativos, cuxa xefatura ostentan os orientadores, que se foron facendo imprescindibles. En cuestións como a avaliación psicopedagóxica dos alumnos ou a atención ás necesidades educativas especiais, os resultados son moi positivos. Pero xurdiu tamén un rexeitamento a estes profesionais por estaren exentos de docencia ou de atención directa aos escolares. Este aspecto da norma debería ser corrixido, pois á parte de que nunca foron ben aceptados nos centros os docentes liberados do xiz, é necesario para a mellora da calidade do servizo que os orientadores traballen directamente cos alumnos.

Hai grandes diferenzas no traballo que realizan estes profesionais, pois mentres nalgúns centros resólvense os problemas e a valoración é positiva, noutros a sensación é de que non serven para moito ou de que non se implican o suficiente. Unha causa está na capacitación profesional, que en moitos casos teñen que adquirir os propios orientadores, pois a formación académica recibida na universidade está moi lonxe da realidade dos centros. Outra, na intelixencia emocional e en especial na empatía, cruciais neste tipo de traballo, pola sensibilidade que espertan moitas das súas intervencións. A orientación ten unha parte de ciencia, pero tamén outra moi importante de sentido común, que nunca pode ser substituída por aquela.

Bótase en falta tamén unha maior implicación dos orientadores en dous aspectos cada día máis demandados: a acción titorial e a convivencia. Hai que potenciar a coordinación coas familias, apoiando o labor do titor, tanto no nivel académico como no persoal do alumno. As adaptacións curriculares deben ser tomadas con máis rigor, aínda que recoñecemos o desfase da normativa vixente, que pide a gritos unha revisión. Canto á convivencia, estes profesionais teñen que asumir un papel máis relevante na prevención da conflitividade e na mediación, en especial na organización da aula de convivencia inclusiva.

A creación dos equipos de orientación específicos, a nivel provincial, foi un acerto. Contan con especialistas en distintas áreas, que, ademais das diversas funcións que lles corresponden por lei, serven de válvula de escape para as tensións que xorden nos departamentos de orientación dos centros ou entre estes e as familias. Os seus informes teñen cada día máis peso, pero os profesionais destes equipos precisan que a Administración potencie a súa permanente formación e actualización.