Dezaseis semanas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando naceron as miñas fillas, todo o mundo pensaba que eu era máis nai do que era pai seu pai, porque estaba obrigada a dedicarme a elas en corpo e alma (sobre todo corpo) unha vez que el quedaba liberado e comezaba a vida normal dos pais recentes. Xa non se leva iso de convidar a puros para celebrar a paternidade cos colegas, pero na práctica era o mesmo: mentres eu quedaba pechada na casa aleitando e mudando cueiros, el era libre. Foi unha das experiencias máis frustrantes da miña vida. «Por que eu teño que dedicarme en exclusiva á maternidade e o pai non?». Miradas reprobatorias que parecían dicirme ‘Es unha nai desnaturalizada’. As que se atrevían a falar só dicían «Podedes repartir a baixa...», coma indicando que hai unha solución para todo e só me queixaba de vicio. Razoarlles que a metade do tempo de atención si que era insuficiente para o bebé era inútil. Todo está pensado para que nos sintamos máis mulleres por soportar abnegadamente a tortura que é a maternidade durante os primeiros tres meses de vida do bebé, mentres que os pais observan os touros desde a barreira.

Por iso é moito máis importante do que parece o proxecto de equiparación da baixa maternal e paternal. É certo que eles mellorarán a súa experiencia de crianza vivindo todo o bo e o malo que ata agora só vivían as que acababan de parir (ou de adoptar). Pero sobre todo, é un logro para as mulleres, que, en virtude de non sei que crenza sobre a nosa condición de imprescindibeis, estabamos condenadas a interromper a nosa vida para facer soas un traballo que afecta a dous. Ter fillos non é unha condición exclusivamente feminina, polo tanto a baixa para a crianza tampouco debera selo.