A túa cerdeira

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todas as viaxes son un regreso». Comeza así un dos teus libros. Memorizadas as palabras desde ese primeiro instante que as lin, como fixen con tantas outras frases túas, imposibles de esquecer, gravadas a lume. Aínda ben non marchaches e eu xa non sei como hei facer para regresar sen ti. A todos os que te choramos estes días só nos vai quedar retornar a ti, ás túas palabras, ao que nos ensinaches, ás lembranzas que compartimos, á túa cerdeira, esa que axudei a plantar.

É unha obriga seguir o camiño marcado. Debémoscho. A ti e a nós mesmos. Máis ca nunca temos que ser «irmaos», esa palabra que leva a túa voz. Unha voz que nos agasallou historias marabillosas, que posibilitou unha apertura na literatura infantil e xuvenil en galego. Era unha necesidade e aí aparecestes, comprometidos, os escritores daquela época, para que a rapazada galega puideramos soñar (ler) na nosa lingua.

«O misterio das badaladas» tróuxoche ao meu colexio e a moitos máis. Non foi só o compromiso de escribir, foi o de percorrer o país falando, exemplificando, contando, animando.... sementando. Sementando, agora seino, pebidas de cereixa.

O compromiso, a loita polo noso, é o teu sinal identificador. Para min, tamén as apertas fortes, agarimosas, verdadeiras.

Serás unha cerdeira, Xabier. E cando unha bolboreta se pouse nalgún dos froitos gorentosos, direiche «-Pásama!», coma noutro libro teu. E sentirei o teu bico, a túa nova aperta. Terei que aprender que agora será así, a pesar de loitares ata o final.