Galegos en Xenebra

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galegos e galegas, naturalmente. Ana María Mera, que veu para Suíza nos anos setenta, preside a Irmandade Galega, institución creada en 1973 e que, xunto coa histórica A Nosa Galiza (1967), constitúe un dos principais referentes dos residentes galegos na cidade helvética. A súa filla Noemi, licenciada en filoloxía pola universidade de Santiago, profesora xa estabilizada nun centro público da capital xenebrina, moi ben pode ser o relevo necesario da xeración dos fillos dos que chegaron aquí nos anos sesenta e setenta do pasado século, máis de medio millón de españois entre 1964 e 1972, segundo datos que recolleu no seu día Xoán Anllo.

Dese case medio millón, espallados por todos os cantóns suízos, arredor do 25 % procedían de Galicia (case o 70 % en Xenebra), e así xurdiron agrupacións en Berna, Zürich, Zug, Lausana, Basilea… moitas delas aínda activas. É a crónica da Galicia exterior, da que tantas veces falamos, que en Europa ten características ben distintas da Galicia americana. Saio do hotel, pregunto por un restaurante, e o recepcionista recoméndame o Lamartine, a pouca distancia de onde nos aloxamos. Comemos na terraza e, cando xa levamos un bo anaco, sinto falar galego na caixa. Son os propietarios, Pedro e Luis. Chegaron hai cincuenta anos dende Ortigueira. O camareiro que nos atende, Félix, é de Ourense. Cerran os domingos e traballan ben. Están contentos. O país é agradecido e «acolleunos cando tiñamos necesidade. Non o esquecemos».

A Irmandade Galega ten 300 socios. Paco Paraná e Mariluz Rei son de Cuntis e teñen planificado o regreso, aínda que os fillos xa botaron raiceiras aquí. «Viviremos nos avións», comentan. «As liñas de baixo prezo resultan agora accesibles. Podemos movernos con máis facilidade que antes». O fillo de Paco e Mariluz, Sebastián, casou cunha portuguesa de Leiría, pero os dous teñen pensado xa ficar en Suíza. Igual que os fillos de Baldomero e Mari Carmen. Ou os de Loli e Joaquín, que viñeron de Noia…

Sandra é de Salceda de Caselas, traballa de enfermeira dende hai trece anos, vive en Berna, casada con Daniel, que é suízo. Alemán e francés. Todos os veráns levan os pequenos, de 8 e 10 anos, a pasar as vacacións na terra, para manter vivas as raíces e esa fantasía primeira que endexamais esquecemos: o paraíso da infancia. Os pequenos falan da «selva dos avós» cando chegan á aldea, marabillados.

A historia de Sandra resulta especialmente conmovedora cando fala de cómo con trece anos deixou a casa, «onde non tiñamos nin luz nin auga corrente, nin eramos propietarios de nada». O pai viña todos os anos como temporeiro (saisonnier) a traballar na construción, igual que Paco e Baldomero: nove meses suízos e tres meses de regreso, para non estabilizar a situación. Todos están orgullosos dos fillos, da educación e da estabilidade que co seu sacrificio lles puideron dar. En Xenebra non son galiciens. Son gallecs.