Non agardes a ser ti

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Sandra Alonso

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non agardes a ser ti, a que che toque, porque isto é un pesadelo-lotaría ao que non se xoga. Ningunha de nós estamos libres. Podemos ser calquera. De feito, podemos ser o centro da diana ignorándoo por completo. Ás veces é difícil decatarse do comezo do acoso. 

Temos un Goberno que promete loitar pola igualdade. Non quero mesturalo co Poder Xudicial, porque eu creo na independencia dos distintos poderes, así debe ser. Con todo, non mesturemos nós tampouco. Lembran o nomeamento dos novos cargos? Nun dos xornais máis vendidos do país non tardou en aparecer un artigo titulado algo así coma “o roupeiro das ministras”. No texto avaliábase a elegancia destas, esixíndolle a algunha delas o uso de maquillaxe, porque é unha peaxe que nós debemos pagar para parecer mulleres de ben.

Non. Non fagades iso. Non vos deixedes enganar. Non vos obriguedes a seguir imposicións polo voso físico, non admitades agresións ao voso corpo. Non o fagades porque a condena non é ser obxecto dun artigo xornalístico sen pouso. Podemos acabar sendo a vítima dunha Manada. E, á vista está, ninguén nos asegura que nos vaia amparar ou protexer a lei. Demostrar o ataque parece non ser sinxelo nun xuízo. A fianza é con-fianza?

Así que dígocho a ti, que estás a ler: non agardes a ser a vítima, ou o pai da vítima, ou a parella da vítima, ou... Denuncia a máis mínima agresión, condena calquera acto de violencia e de machismo.

Non podemos admitir máis manadas. Necesitamos vivir libres de medos. E eu, aínda os teño.