Necesitabámolo, Pedro

Marina Ortega TRIBUNA

OPINIÓN

18 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesitabámolo, máis que nunca. Corríamos un grande perigo: as persoas estabamos deixando de crer na clase política e sabiamos que poderiamos entrar nun non retorno de difícil saída.

Tras anos de corrupción, de medo infundado pola dereita para evitar que o voto fluíse cara a dereita, hoxe a realidade dinos que todo podería ter sido diferente e que un goberno afastado do sectarismo e baseado na maior escala da cualificación podía existir.

As diferenzas son notables. Un consello de ministras e ministros con perfís especializados e combinado con experiencia política e de xestión.

Nos últimos meses, algo comezaba a ferver. A cidadanía comezou a pisar forte, a dar golpes de autoridade sobre un goberno de dereitas que recortaba dereitos. Saímos á rúa coas mulleres o 8 de marzo, en defensa do sistema público de pensións, pola sanidade… ata que chegou a Gürtel e o goberno non entoou o mea culpa. Todo ten un límite.

En cambio, Pedro Sánchez captou as mensaxes. Rompeu o chamado teito de cristal que impide chegar a postos de dirección ás mulleres e representou á cidadanía española a través dos mellores talentos, ao tempo que ofreceu a Europa e ao mundo unha imaxe de vangarda.

O análise máis profundo dinos tamén que co cambio de goberno tamén algo cambiou na nosa concepción da política. Aqueles que a tiñan deostada ou que crían que manifestarse ou entrar na acción colectiva non servía de nada están hoxe esperanzados, ilusionados, volven a crer.

Observan hoxe como un gran acerto, pola súa veteranía e gran traxectoria, o nomeamento de Josep Borrell como ministro de Exteriores; ou o de Nadia Calviño, unha muller que verá reducir considerablemente as súas retribucións como directora xeral de Orzamentos da UE para ser ministra de Economía en España. A importancia do compromiso reflíctese nestas, e outras, carreiras brillantes que farán un alto de vocación para servir á cidadanía.

Pero o cambio de goberno evidencia tamén como o PSOE soubo cambiar a folla de ruta que os poderes conservadores tiñan escrito. Aquela que implicaba unha abstención ante o goberno do PP, negando ao noso partido a vocación e as posibilidades de gobernar, ata que os militantes de base cambiamos o guión e de novo situamos a Pedro Sánchez como secretario xeral e ao PSOE como alternativa ao PP.

O resultado é un Goberno de esquerdas, sólido, que representa os nosos rostros, os nosos ideais, a nosa forma de vida, as nosas ganas de avanzar e a nosa conciencia social. Un goberno feminista, aberto ao diálogo. Un presidente e un goberno que permiten recuperar a ilusión a millóns de persoas.