España ten o mercado de traballo máis precario de Europa


Diputado de En Marea

Unha nota de Eurostat de abril de 2018 indica que España é o cuarto país coa menor taxa de emprego de toda a Unión Europea, só Grecia, Italia e Croacia están por debaixo. Un informe do Banco Central Europeo de maio de 2017 destaca que España é o segundo pais da Unión Europea con máis subemprego, so por detrás de Chipre.

Outro informe de Eurostat sinala que España encabeza o emprego a tempo parcial non desexado, so Grecia está peor. Un informe da OCDE di que España é o terceiro estado da Unión Europea co maior porcentaxe de traballadores pobres, so Romanía e Grecia teñen mais pobreza laboral.

En abril de 2018 Eurostat informou que España é o segundo estado con menor incremento salarial de toda a UE en 2017: os salarios medraron aquí cinco veces menos que na media europea. Un informe de Eurostat de abril do 2018 demostra que España é o terceiro país con maior desigualdade salarial de Europa, so Lituania e Romanía teñen unha diferenza maior entre os salarios máis altos e os máis baixos.

Eurostat constata que en 2017 España é o estado da Unión con mais persoas en paro en cifras absolutas e coa segunda taxa de paro mais alta, so por detrás de Grecia. Un informe da OCDE de 2014 sitúa a España como o pais no que as persoas teñen o maior risco de perder o seu emprego e no que hai maior dificultade para saír da situación de desemprego.

España é o estado da Unión Europea con mais persoas cun contrato temporal. Un informe recente da UE afirma que só o 8 % das persoas con contrato temporal en España se converten en indefinidas fronte a unha media do 24 % en Europa.

Un informe da Comisión Europea de maio de 2018 destaca que España é o estado coa maior taxa de temporalidade de Europa. Nese mesmo documento di, textualmente, que «o maior uso da temporalidade por riba da media europea non pode ser atribuído a unha diferente estrutura sectorial da economía. A cota do emprego con contrato temporal é superior en España que na UE en todos os sectores, non só en aqueles cunha natureza estacional como a agricultura, o turismo e a construción».

O Banco de España no seu informe anual de 2017 di textualmente: «Na presente recuperación estase manifestando de novo un trazo característico das fases expansivas da economía española, consistente nun aumento da taxa de temporalidade, acompañada dunha diminución da duración dos contratos e dun incremento da parcialidade non desexada».

Resulta evidente que temos un problema, un enorme problema co emprego, coa falta de emprego, coa calidade do emprego. España é a quinta economía da UE pero é o Estado que ten o mercado de traballo máis precario, con menos oportunidades de emprego, con máis paro, máis temporalidade, máis traballo parcial non desexado, máis subemprego, máis desigualdade salarial, máis traballadores pobres, con salarios estancados, con máis fórmulas irregulares de contratación.

Esta herdanza que deixa o Goberno Rajoy é o reto ao que se enfronta o novo Goberno: cambiar un modelo laboral precario resultado das 55 reformas laborais impostas desde 1984, todas na dirección de flexibilizar o mercado de traballo a costa de recortar dereitos laborais. Agora hai que cambiar de paradigma, recuperando a estabilidade laboral como principio básico do funcionamento do mercado de traballo.

E para iso son insuficientes cambios limitados como os que anunciou a nova ministra de Traballo, porque necesitamos un novo marco normativo que debe ter como primeiro paso ineludible a derrogación das últimas reformas laborais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

España ten o mercado de traballo máis precario de Europa