Rodríguez Pardo, socialismo e galeguismo

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero FIRMA INVITADA

OPINIÓN

14 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co pasamento de Xosé Luís Rodríguez Pardo vaise unha das figuras senlleiras da construción do marco institucional no que Galicia vive na actual etapa democrática. A Galicia do Estatuto, do autogoberno. Xosé Luís foi o primeiro secretario xeral dos socialistas galegos no PSdeG, e un daqueles socialistas que permitiron a configuración do compoñente galeguista do partido. Cofundador do PSG, formación na que compartiu con Laxe, Ceferino, Beiras e Xaime Barreiro, entre outros, os seus compromisos con Galicia, Rodríguez Pardo optou pola súa incorporación a un PSOE que marcou a súa singularidade galeguista a través do PSdeG, no que se fundiu o legado galeguista coa tradición socialista dunha forza de esquerdas e comprometida.

Esa mestura de socialismo e galeguismo pulou con forza na redacción e aprobación do Estatuto de Autonomía que permitiu superar a aldraxe e situar a Galicia en pé de igualdade coas outras nacionalidades históricas. Reflectía, en definitiva, un país que non estaba disposto a asumir unha rebaixa dos seus niveis de autogoberno e de competencias, e conseguiu acadar unha consideración singular e digna para o autogoberno de Galicia. Precisamente socialismo e galeguismo foron os dous compoñentes clave que imbuíron a traxectoria política de Xosé Luís Rodríguez Pardo.

Home de ideas e de reflexión, comprometido politicamente en momentos difíciles, mantivo unha longa traxectoria de compañeirismo cos socialistas galegos. Tanto é así que aínda a semana pasada, na Coruña, trasladoume o seu apoio e o seu ánimo para o partido que seguirá sendo a súa casa e para a nova etapa do socialismo galego.

En paralelo, a tradición galeguista hoxe asumida no PSdeG ten en Xosé Luís un dos seus referentes. A do galeguismo entendido como sentimento e compromiso co país, que ten permitido impulsar os intereses de Galicia dende o eido político e o civil e que foi quen de marcar axendas de progreso para o país nos gobernos presididos por Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño.

Xunto ás responsabilidades orgánicas que desempeñou no partido, e á súa traxectoria como deputado en Cortes e membro da Comisión dos 16 que elaborou o Estatuto de Autonomía de 1981, Rodríguez Pardo mantivo unha liña de compromiso político coa emigración, especialmente na súa etapa como senador e vicepresidente do Senado, chegando a presidir o Consello Xeral da Emigración do Estado. Anteriormente, ocupou un escano no Parlamento de Galicia.

Socialista e galeguista comprometido, o seu legado permanecerá no noso traballo. Porque, como escribiu o Premio Nobel François Mauriac, a morte non nos rouba os seres queridos, senón ao contrario, gárdaos e inmortalízaos no noso recordo.