Unha serie de televisión

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

03 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algunhas semanas unha amiga me agasallou coa primeira tempada dunha serie de televisión: Borgen, relato ou vicisitudes dunha muller que chega a primeira ministra do goberno de Dinamarca. A serie, producida pola televisión pública danesa, consta de tres tempadas: trinta episodios en total. Os primeiros capítulos empezaron a emitirse no outono do ano 2010 ata o 2013. O interesante da serie non son tanto os avatares, voltas e reviravoltas arredor do poder, manobras dos partidos políticos, andainas dos protagonistas, encontros e desencontros propios de calquera produción destas características, coma o contexto, a realidade social en que se producen: conflitos de parella, educación dos fillos (a protagonista ten dous, unha delas adolescente), contradicións entre a práctica do que facemos e a teoría do que predicamos, os valores morales e éticos, e mesmo aspectos moi próximos coma a relación cos medios de comunicación públicos e privados, os intereses económicos e financeiros que condicionan as decisións políticas, problemas de medio ambiente, problemas de integración social (inmigración), problemas de xénero, educación, política internacional, saúde pública, etc.

 

Non é a primera produción destas características. Acadou no seu día moita sona House of Cards (2013) orixinariamente británica, mais que logo foi ampliada e mesmo adaptada por produtoras privadas ao gusto das audiencias masivas norteamericanas. Nunca vin tanta concentración de ambición, maldade, furia e total falta de principios coma nestoutra serie na súa versión USA, centrada na loita polo poder na Casa Branca. Seica ás audiencias lles gusta así.

A serie danesa é otra cousa. Recoméndoa aos lectores: relato, intriga, realización áxil e, ao mesmo tempo, reflexión (¡sen moralina!) sobre os valores democráticos nas sociedades europeas desenvolvidas. Algunhas das cuestión que máis salientan son os conflitos (e prexuizos) da muller para desenvolver xa non o exercicio do poder senón unha carreira profesional autónoma, a educación dos fillos, a responsabiliade dos medios de comunicación, neste caso a televisión pública, e sobre todo a capacidade admirable de afirmar e desenvolver pactos que teñen estas democracias asentadas. Fronte ao modelo tan propio de nós, que parece que se non hai maiorías absolutas calquera acción política resulta imposible, a práctica naqueles países, mesmo con tripartitos e cuatripartitos moi distantes entre si, permite un xogo, unha flexibilidade que nos queda moi lonxe. Fronte á nosa concepción da política, que tendemos a considerala case que coma unha relixión (e os partidos como igrexas estancas, cando non sectas irredutibles), a política concíbese naqueles casos coma solución práctica, intercambio de acordos e intereses (¡non exentos de ambición e cambadelas, ollo!), construción dun marco posible, onde todos ceden algo para todos gañar algo tamén. Nos tempos que corren ben merecería a tal Borgen unha emisión pública en aberto (cunha mesa de debate despois de cada episodio).