Artistas e presidio


En 1941, os nazis armaron na cidade checa de Terezín un campo de concentración ao que confinaron fundamentalmente a artistas e intelectuais xudeus.

A dese campo é a historia dun insulto co que Adolf Hitler mesmo rodou un filme que amosaba aquel lugar, cheo de músicos e escritores, coma o mundo xudeu ideal e non como o que era: a antesala de lugares peores onde exterminalos. «O Führer agasalla aos xudeus unha cidade» era o slogan.

Sempre que penso en Terezín, imaxino como serían os cárceres se en lugar de delincuentes pechasen a artistas, e sempre chego á conclusión de que serían lugares aínda peores.

As músicas e as ficcións non poden crearse cando os ollos non atinxen o horizonte.

Por iso sei que probabelmente eu faría o mesmo que o rapeiro Valtonyc, ao que moitas nin sequera coñeceriamos se non fose porque foi condenado a tres anos e medio de cárcere polas letras das súas cancións, e fuxiu a Europa.

Non crean: a mala calidade das súas cancións non é un delito, e, en realidade, tampouco o é o contido das súas cancións, onde un xuíz quixo ver incitación ao terrorismo e inxurias á Coroa, coma se un rapeiro con mal gusto e non tantos fans tivese capacidade para facer realidade todo o que canta.

Contra o que poida parecer, non é a xustiza sen sentido común o peor que nos poida pasar, senón xuíces que descoñecen que a liberdade de expresión non existe para dicirlle aos reis o que molan nin aos poderosos o ben que o fan.

Por iso só os Estados totalitarios permiten encher os cárceres con artistas. Por certo, dos poucos intentos de fuga en campos de concentración que se coñecen, algún dos máis célebres sucedeu en Terezín.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Artistas e presidio