A situación política da corrupción

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 may 2018 . Actualizado a las 15:41 h.

A sentenza do caso Gürtel suma pero non soluciona. Suma razóns ao cabreo cidadán, engade peso no desequilibrio dunha situación política inestable, acrecenta a desconfianza no sistema económico e introduce fondas dúbidas sobre o modelo empresarial español. Desacredita oficialmente o sistema político e económico da marca España porque demostra que o Partido Popular organizou a corrupción dende o poder e lucrouse dela. Non só moitos dirixentes senón o partido como organización política e electoral. Isto significa, entre outras cousas, que usando prácticas corruptas e recursos económicos e organizativos extraordinarios practicou o dumping electoral e que non concorreu ás eleccións en igualdade de condicións cos demais partidos.

Esta derivada do asunto pode parecer pouca cousa comparado coa perturbación do sistema económico, o saqueo da facenda pública ou o enriquecemento ilícito de tanto desvergonzado, pero para a credibilidade do sistema político representativo e para o conxunto da cidadanía ten moita importancia. Significa que os votos de todos os cidadáns non valen o mesmo, que o esforzo de todos os partidos para disputar o poder nas eleccións non atende a regras transparentes e coñecidas, que hai favoritismo e vantaxismo.

En realidade o que agora confirma a sentenza non é nada que os cidadáns descoñezan, o que pasa é que agora demóstrase xudicialmente que as regras de xogo están trucadas dende hai tres décadas e que o PP organizou dende 1989 un sistema que lle permitiu vulneralas. O primeiro principio do liberalismo, a igualdade formal dos cidadáns -e dos partidos- diante da lei, foi continuadamente perturbado, pero tamén o segundo: o dereito á representación política. O descrédito do sistema de representación non é o mesmo que o descrédito dun partido, dun goberno, dunha Constitución ou dun réxime político, por moi importante que pareza isto último. A alternativa á forma de representación parlamentaria convencional -en todas as súas versións- non é outra que unha forma máis vulgar ou máis sofisticada de ditadura. Nin Maduro nin Orbam poden prescindir da representación pero intentan trucala. Fagamos a lectura que corresponde do que acaba de acontecer.

A sentenza suma pero non soluciona, porque todo o que agora se confirma xudicialmente baséase en datos e informacións coñecidas pola opinión pública ata o detalle. Por iso a Audiencia tamén vén de certificar que nin o Partido Popular nin o sistema político foron quen de sancionar e dirimir politicamente as responsabilidades que eran evidentes e coñecidas por todos, máis alá da ritual e inútil suspensión de militancia que só chegaba despois de resistencias numantinas dos portavoces e mensaxes de ánimo públicos e privados que escandalizaron á opinión pública por partes, primeiro aos contrarios, despois aos propios e ao final a toda a cidadanía. A única solución política que se nos ofreceu en todos estes anos foi pasar páxina o antes posible: con Matas, con Mato, con Rato, con... A sociedade civil necesita unha resposta política á corrupción e como o sistema político non a ofreza lamentarémolo a curto prazo.