A cultura suicida


O escritor cubano que máis admiro naceu en Suíza, Alejo Carpentier. A súa obra outorgou ao español unha riqueza estilística que fundou o realismo máxico hispanoamericano. Sen Carpentier non podemos entender a Márquez. Recordo as súas prosas porque unha delas, o conto El viaje a la semilla, motivou esta reflexión. O relato é unha transposición do tempo. Unha volta aos inicios para certificar a fin. Algo similar ao que contou Rafael Dieste en O neno suicida: a crianza que dispara nas súas tempas farto de tanta vida. O neno de Dieste é unha analoxía do Benjamin Button de Scott Fitzgerald. Para que esta introdución? Para dicir que a nosa cultura ten moito de todo o anterior: naceu vella, foi vizosa e fértil, e hoxe -máis protexida administrativamente ca nunca- devece por regresar aos inicios, onde todo está por formar ou onde habita a nada. «Donde habita el olvido», escribiu Cernuda. O mesmo que censura a antoloxía poética de Valera na que non aparecía a brillantísima Rosalía de Castro. Segundo Cernuda, foi invisibilizada «por antipatía a la antipatía castellana de la poetisa y a su regionalismo intransigente». Desculpen o proemio. Intentarei relacionar o anterior coa razón desta columna: creo que a cultura galega quere dispararse nas tempas, como o neno de Dieste. O seu maior inimigo é ela mesma. A cultura que exclúe o propio por «regionalismo intransigente». O mesmo que observaba Valera cara a nós, pero á inversa. Por fortuna hai evidencias do contrario.

Por exemplo: recentemente a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura decidiron dixitalizar a correspondencia de Camilo José Cela, o noso Premio Nobel. Digo «noso» con orgullo. E non entendo cómo parte da cultura galega oficial (nacionalista e de esquerdas, como levo escrito mil veces) prescinde de tal alfaia. Imaxinan vostedes aos cataláns independentistas renegando dun premio Nobel que se declarase catalán? Así foi Cela. Un galego de pro que presumía de Galicia, que defendeu a toponimia galega, que sacou as definicións pexorativas da voz ‘gallego’ do dicionario da RAE e que nos deixou unha novelística de raíz galega exuberante e maxistral: da Mazurca a Madera de boj, ou das súas memorias ao caudal lingüístico propiamente galego.

Pero hoxe, a pesar do xesto encomiable do Consello e da Consellería, non é Cela o motivo da miña columna. Hoxe falo do suicidio da cultura galega. Esa é a intención. Sexamos intelixentes.

Non caiamos no esperpento da Gala do Libro Galego, verbi gratia. Contan que houbo aplausos ao independentismo e aos «presos políticos» cataláns. Ata cuestionaron que España sexa un país libre.

E, por suposto, non faltaron dardos envelenados á Xunta e a Rajoy. O que debía ser unha festa do libro converteuse nun mitin político independentista. Sectarismo en estado puro. Desprezan a todos aqueles que non pensan coma eles. Desprezan unha parte do propio. Empezan a vida ao revés. Algo así escribiu Dieste no conto que recordaba ao inicio. Detesto o «regionalismo intransigente».

Non soporto a cultura suicida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos
Comentarios

A cultura suicida