E puido ser moito peor

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paréceme un auténtico milagre que non houbese máis falecidos pola explosión da pirotecnia en Tui. A imaxe a vista de paxaro é completamente desoladora. Unha película de terror, unha escena típica dun relato de guerra, despois dun ataque. Debeu ser todo tan rápido que os veciños nin reaccionaron. Escoitaba as declaracións dos afectados coma se aínda non fosen conscientes do que estaban a vivir, completamente impactados. Normal. A aldea quedou arrasada, devastada. Unha auténtica traxedia que puido ser moito peor.

O único que me tranquiliza é saber que aínda distinguimos o que é verdadeiramente importante. O primeiro foi preocuparse pola vida. Xa chegaría ao día seguinte o momento de preocuparse das vivendas. Antes, o primordial. Era verdadeiramente emotivo ver como dous veciños, ao pouquiño de producirse a deflagración, comezaron a buscar casa por casa aos veciños, chamándoos a berros, coa esperanza de sabelos vivos. Iso é solidariedade, veciñanza. E agradezo que aínda exista. Porque o que si me parece outro auténtico milagre é que a pirotecnia continuase co seu traballo despois de ter estourado xa dúas veces máis no pasado e só conseguir a licenza durante uns anos e ser retirada hai un tempo.

Deixemos atrás as malas prácticas, fagámolas saltar polo aire pero non esquezamos o bo facer que nos define como sociedade. No mundo avanzado no que vivimos é incrible que poidan estourar vidas por neglixencias aberrantes, como pasou neste caso. Absolutamente inconcibible.

É imperdoable.