Bogart e Malone na túa libraría

Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das máis vibrantes secuencias do cine negro clásico norteamericano acontece nunha libraría. Levamos un cuarto de hora de O sono eterno, de Humphrey Bogart, na pel de Philip Marlowe, e pídelle un par de libros que non existen a Dorothy Malone, empregada do negocio. O resto son dous grolos de whisky, a choiva que cae fóra e unha porta que se pecha para que os clientes non molesten. Tres minutos tan cargados de intensidade que un entendería que se proxectasen en bucle en calquera campaña de fomento da lectura. Humprey Bogart e Dorothy Malone alternando para convencerte de que entre libros todo resulta posible. A min gustaríame mudarme a unha libraría así, cun Philipe Marlowe a piques de entrar pola porta e unha libreira con lentes capaz de concederlle un whisky e unha elipse. Observar ese prodixioso espectáculo todas as tardes da miña vida, mentres se bota a chover e o mundo se converte nunha novela de Raymond Chandler en mans de Howard Hawks. Aprender a música salvaxe dos diálogos de Faulkner, Brackett e Furthman.

Non houbo constancia na última Feira do Libro de Santiago da participación dun detective californiano disposto a seducir duquesas, afeccionado ao xadrez e á poesía, pero botouse en falta a presenza dun investigador bibliómano que aclarase a orixe de tanta melancolía xunta. Que as feiras do libro seguen empeñadas en se precipitaren ao abismo é un comentario que se repite todas as primaveras, pero a sensación de tanatorio en ruínas que deixou este ano a cita compostelá resultou especialmente demoledora. Os libreiros de Lugo veñen de suspender a edición desta tempada e apuntouse a posibilidade de celebrar un novo evento sen a intervención da Federación de Librarías de Galicia, cabeza visible dun modelo antediluviano no que ninguén cre. Faise difícil querer participar nunha festa tan compunxida coma un velorio. A fotografía que lle está a quedar á directiva da organización é a dun conciliábulo taciturno onde os libros están faltos ata do alento das carpideiras. Postos a durmir o sono eterno, agora que sabemos que o gasto público no sector descendeu un 52 % entre 2006 e 2016, é de xustiza reclamarmos un pesimismo máis animado. Non merecemos esta tristura os que aínda pensamos que Bogart e Malone se nos poden aparecer na libraría dos nosos soños.