Mercedes ou a dignidade

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas mulleres hispanas hai de vida tan exemplar como a de Mercedes Núñez Targa, autora, por outra parte, de dous libros memorialísticos, maxistrais no seu xénero. Aínda así, son moi poucas as persoas que teñen noticia algo precisa da súa biografía, que foi un curso de dignidade. Filla dunha catalá e dun galego de Bergondo, naceu en Barcelona no ano 1911 e faleceu, en 1986, na cidade de Vigo, na que pasou os últimos anos da súa vida.

En Vigo, hai poucos días, foi presentado o libro El valor de la memoria. De la cárcel de Ventas al campo de concentración de Ravensbrück, da editorial Renacimiento (Sevilla), obra que contén unha introdución de Mirta Núñez e un prólogo de Elvira Lindo, titulado Gracias, Mercedes.

En realidade, estamos ante un volume que acolle os dous libros da escritora: Cárcel de Ventas (París, Ebro, 1967) e El carretó dels gossos. Una catalana a Ravensbrück (Barcelona, Edicions 62, 1980). O volume ofrece unhas valiosas páxinas informativas escritas por Pablo Iglesias Núñez, fillo da escritora, e a súa compañeira Ana Bonet Solé. Figura na cuberta unha fotografía moi reproducida: Mercedes Núñez testificando, en Carcassonne, en xullo de 1945, sobre o seu torturador, o oficial da Gestapo René Bach.

Cómpre que o lector coñeza, como mínimo, esta microficha da militante Mercedes Núñez: secretaria de Pablo Neruda no Consulado chileno de Barcelona en 1934; afiliada ao Partido Comunista (o Partido por antonomasia) nos anos da Guerra Civil; encargada de reorganizar o Partido na provincia da Coruña no verán do 39, cae nas poutas da Policía, que a tortura, xa en novembro; en marzo de 1940 ingresa na prisión para mulleres de Ventas (Madrid), unha prisión que deseñara a humanista Victoria Kent para 500 reclusas e que, en 1940, acollía a 6.000 reclusos (mulleres, principalmente, e bastantes nenos pequenos, fillos delas).

Neste calvario, nesta peregrinatio de infortunios, houbo un milagre: por un erro burocrático, Mercedes, condenada a doce anos e medio, sae da prisión en xaneiro de 1942, dez anos antes do decretado. Nese ano pasa a fronteira por Cataluña e incorpórase á guerrilla antinazi: (ao maquis) en Francia; detida en maio do 1944, foi levada -despois de pasar polas poutas de René Bach- ao campo de concentración de Ravensbrück, onde a liberaron os aliados o 14 de abril de 1945, cando, enferma e esquelética (inútil, pois, para o traballo), ía camiño da cámara de gas.

Aínda non moi reposta declarou en Carcassonne, o 27 de xullo dese ano, no xuízo contra o xendarme da Gestapo René Bach, que non só a torturara a ela. A propia Mercedes solicitou ter, antes, un careo con el e conta que pensaba cuspirlle na cara e golpealo, pero viuno tan derrotado, tan miseramente vestido e tan cheo de medo que, de súpeto, pensou: «¿Cómo hacerle nada a un enemigo encadenado?». Liñas despois, a escritora matiza: «Pero algo más fuerte que todos los odios me ata las manos. Es, confusamente, el sentimiento de mi propia dignidad».