Demasiadas labazadas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A última, a dos xuíces belgas. Dise que o xuíz Llarena púxolles a fazula para que lle soltasen o lapote, pero tamén se di que, aínda que enviase a orde de detención que reclamaba a Fiscalía belga, negaríanse a entregar aos separatistas cataláns. O certo é que, unha vez máis, a euroorde non funcionou e debemos preguntarnos que parte de culpa ten neste fallo España e que parte a Unión Europea.

Está claro que o tema de devolver aos fuxidos da Xustiza ao país que os reclama non funciona na UE se o delincuente se fai pasar por perseguido político, e convértese así nun refuxiado. Tamén está claro que o fixeron mal tanto o Goberno español, coa súa actitude de confiar ao tempo a resolución do conflito, como a oposición, que se deixou embobar coas ofertas de diálogo de quen non querían dialogar, senón impoñer a independencia conculcando todas as normas que se opoñían a iso. A torpeza duns e outros levounos a esta situación na que España aparece ante Europa como a parte mala da historia.

Pola contra, os Puigdemont e compaña fixérono ben, souberon vender a súa imaxe de vítimas, por iso agora o señor Torra, que non é racista nin xenófobo nin entusiasta defensor de partidos parafascistas, senón un clarividente presidente da futura república catalá, di que os cataláns son máis altos, máis brancos, e máis listos que o resto dos españois, herdeiros da mouraría. A ver se en Europa se decatan dunha vez, contra!