Tempos de ruptura: cambio ou ditadura


Os eurovisivos Amaia e Alfred serían un futuro con permiso dos intolerantes inmobilistas. O que non é elástico racha. Nestes tempos de ruptura as alternativas ás que conduce a situación actual son cambio ou ditadura. A explosión da protesta das mulleres, a aparición de novos partidos e as resistencias zombis dos vellos algo indican. O uso do peso do pasado e das pautas herdadas (xurídicas, por exemplo, culturais tamén), alentadas política e electoralmente, está lastrándonos hoxe. A vontade inmobilista explica o absurdo Cifuentes nese pozo de xurro do PP de Madrid: resistencia numantina envolta en vermello e amarelo para rematar arrastrando o nome de Madrid e a bandeira española, unidas á palabra roubo, por todas as portadas dos xornais do mundo. Tamén explica o uso xudicial e o abuso político da prisión preventiva para tratar penalmente propostas políticas, a manipulación fraudulenta e partidista dos medios públicos e os recortes da liberdade de expresión que levan á cadea a cantantes que fan cancións, usando un arbitrario delito de odio ou de apoloxía do terrorismo. A política democrática como a entendemos e practicamos é outra cousa.

Unha Constitución irreformable é unha Constitución inservible. Toda Constitución é a expresión histórica dunha correlación de forzas, e por iso todas foron reformadas ou emendadas ao longo do tempo. A actual vén sendo a expresión da correlación de forzas de 1978. As condicións de ameaza militar dos golpistas no poder e de negociación simple entre ditadura e democracia non son as de hoxe, a sociedade e os partidos tampouco. Porén, afrontar a reforma é considerado polo establishment un reto imposible e unha ameaza. A distancia entre o dereito a decidir duns e eliminar na práctica as autonomías doutros úsase a conveniencia mentres seguimos camiñando cara á creba a lombos da insensatez inmobilista do PP e o PSOE. A única alternativa ao cambio social e político segue sendo a ditadura. Nada que non descubriran xa gregos e romanos. Na historia constitucional, monarquía, fe e nación seguen sendo o problema dende 1812, nun Estado que nunca -nunca- reformou unha Constitución; só mudou unha por outra. Esgotáronse todas, e con elas o réxime, ou foron derrogadas. Non hai leis na historia nin nos comportamentos sociais e políticos colectivos, pero poden intuírse pautas, porque somos seres históricos e sociais que tendemos a repetir e non só a innovar. A historia non ten constantes, pero algunhas permanencias teñen gran carga explicativa. Hoxe as alternativas á monarquía, á fe e á nación, sendo certo que algunha non está moi madura, son recibidas e presentadas como apocalipses en vez de como opcións para tomar decisións. O inferno de Dante pouco ten que ver coa democracia.

En todo caso o asunto non é español, senón global. Estes tempos debátense entre ruptura ou ditadura; a aceleración do cambio social e do tecnolóxico, e os seus efectos inmediatos, xunto aos futuros que anuncian a xenética e a robótica, comportan novidades e debates e requiren adaptación. Hai que saber adaptarse aos cambios e tamén discernir se benefician á maioría ou á minoría.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Tempos de ruptura: cambio ou ditadura