Iniesta, Évole ou Federica Montseny

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cómpre ter moito que dicir, ou tal crer, para facer unha prédica de dezasete mil cincocentos chíos que seica escribiu o novo presidente da Generalitat en apenas dous anos. Deixo para outros coñecer tan intensos pensamentos. Confórmome co meu desacougo por teren chegado a elixir para presidir Cataluña a un político cando menos xenófobo. Cousas do vicariato. Pasou con Artur Mas cando unxiu a Puigdemont, e este volve facelo agora.

Asisto incrédulo sempre a tal tipo de acontecementos. Cústame entender como un católico de profesión e reivindicación, e non é o único, pode manter actitudes racistas e mesmo gabanzas para torturadores e asasinos, maiormente de anarquistas e xente de esquerdas como os irmáns Badía, e renderlles homenaxe coma mártires do independentismo. Por iso gustei que o Xavier Domènech preguntara ao honorable Torra non só que pensa dos españois, senón se a Cataluña de Federica Montseny é a súa, señor Torra?

Cústame comprender como é que un político democrático poida ignorar, senón oprimir, á metade dos seus cidadáns. E non comprendo como, con tales antecedentes, forzas políticas como Esquerra, PDeCAT, e os insubmisos da CUP lle poden dar o seu voto.

Non comprendo que na España ou en Cataluña, tampouco na ampla Europa, aniñen sentimentos e se fagan políticas como as polacas dos Kaczynski, ou as húngaras de Viktor Orbán, arroladas polos intereses de Trump e Putin.

Sei que todo se precipitou, por simplificar, logo do ano 2012 co helicóptero de Mas e a entrada da Asemblea Nacional de Cataluña na dirección política e na mobilización do independentismo. Sei que dende entón milleiros de sombras supremacistas, que aniñaban no movemento nacionalista, decidiron esquecer a Medalla de Ouro da Generalitat a Francisco Candel, un charnego, quen escribiu Los otros catalanes alá polo 1965, e foron permitíndose dividir aos cataláns, fender a sociedade máis aló da vindicación dun país, dunha cultura, e sinalando e condenando aos charnegos.

Di hoxe Antón Costas que o procés, convertido xa en «lexitimismo» de resonancias carlistas, puxo fin a todo un tempo de «consentimento político» que os non nacionalistas deran aos nacionalistas para gobernar Cataluña, porque non lles daban medo. Aquela Cataluña construída polos charnegos, que andan nos libros de Marsé, Eduardo Mendoza, Teresa Pàmies, Vázquez Montalbán ou o propio Paco Candel. Aquela Cataluña escrita e falada por Javier Pérez Andújar, ou tamén a contada e escrita por Jordi Évole. Aquela Cataluña onde é posible atopar cidadáns que traballan e sobreviven iguais, veñan de Cataluña, de España ou de calquera parte do mundo.

Por iso cando Andrés Iniesta, charnego, escolle para a súa homenaxe de despedida do Barcelona a compañía de Jordi Évole ben sei que entre os soberanistas e os non soberanistas, esas metades catalás e sospeito que españolas, hai lugar para non deixármonos enredar entre unha «crise humanitaria» e un «golpe de Estado». Teño para min que a realidade, tan enredada, poderá ser outra.