Letras larpeiras

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na porta da gardería da miña Carmiña había unha muller que non sabía o que era ser larpeira. Descoñecía o sabor doce no padal cando che zumega o azucre polas enxivas. Perdía o arrecendo do almibre que se pega no nariz para construír lembranzas fermosas.

Sentín mágoa por ela, que perde as multiplicacións voraces desta lingua na que moitas falamos, cantamos, amamos, discutimos, temos sexo, escribimos e educamos. Sobre todo, educamos. Carmiña mirouna desde a inocencia dos dous anos, e díxolle apesarada: «Non sabes o que é algo rico?». Deume por pensar nesa metáfora fermosa que construía a nena. A riqueza de saber e de saberse libres cando unha usa a lingua que outras ignoran.

«Es que a mí estas palabras de escritoras...», di a nai entre a desculpa e a acusación. Si, debe ser que as escritoras temos a culpa de inventar palabras que logo ninguén usa. De imaxinar historias que fican aí, coma un depósito nuclear agardando a estourar e invadir o mundo de imaxinación e intelixencia. Aínda que esa non é unha explosión para larpeiras. Temos a culpa de escribir para bater de fociños contra un país que esquece que a súa lingua e a súa cultura son a razón para querer existir neste medio mundo en guerra, e esoutro medio escravizante.

Ás veces, unha case se aleda de que determinadas palabras esquiven a quen as despreza. Pero as nenas larpeiras, coma min e coma Carmiña, sementámolas igual. Colocámolas para que medren e usámolas moito. Non só no 17 de maio. Non só na primavera. Senón tamén no máis cru do inverno, cando parece que todo isto ten pouco sentido. Pero ten. Ten o sentido da explosión nuclear...

Felices Letras Galegas tamén ás que non son larpeiras pero quererán selo.