Porcos de pé

María Xosé Porteiro
maría xosé porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

14 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Neniña, non nos veñas aquí coas túas tonterías, que estamos falando de cousas moi serias…», dicía o outro día un tal Luciano, o tristemente famoso profesor compostelán denunciado por unha alumna á que expulsou de clase porque o distraía co seu escote. Este probo cidadá di que os violadores non son culpables porque esas cousas non se fan nos portais. El saberá diso, aspirante a formar parte dunha manada de bestas que empezaron sendo cinco e xa eran seis logo da emisión dun voto particular. Non é o único… nos chats dixitais nos que se participa con alcume, ou falsa identidade, son frecuentes os defensores dos violadores, que culpan e denigran á vítima. A resolución dos recursos da defensa e da acusación (que neste caso semellan estar invertidas) aínda van demorar. No entanto, a xustiza segue a marcar o debate cidadán e político. Da medo que a pata do sistema democrático que debera ser independente e garantista se manifeste tan feble e desfasado nesta e noutras ocasións recentes. Non está moi lonxe o acontecido co xenro do rei emérito para bochorno e oprobio de quen son castigados duramente por delitos incomparablemente menores. Ou a parálise xudicial para procesar ao clan Pujol, outro intocable. Ou a lentitude dalgúns procedementos que rematan porque os delitos xulgados prescriben por non resolverse a tempo. Ou a rapidez con que se move todo cando lles interesa aos poderes políticos e económicos. Alén dos xuízos por corrupción, están eses outros máis escabrosos onde as vítimas son menores, ou teñen unha compoñente sexual.

Daquela, asistimos a culebróns que se pasean polos platós dos peores programas televisivos, sexan informativos ou de entretemento, sucedéndose os uns aos outros nun rosario de casos que adoitan ter nome propio. Flores dun día que enchen con balbordo e alharacas os prime time, e compiten pola audiencia. Pero o importante é que a xente está entretida: comendo todo o que lle botan, amortecido o verdadeiramente grave que se pon ao mesmo nivel ca o anecdótico ou rechamante. É reveladora a petición da nai do neno Gabriel para que se retire a acusación particular do xuízo contra a presunta asasina do seu pequeno. Teme que transcendan detalles íntimos do neno e da familia. Da por sentado que non se respectará o segredo do sumario -por outros anteriores, porosos e accesibles-, nin se garantirán os dereitos das persoas implicadas, nin se deixarán de dar a coñecer cantos máis detalles grosos mellor. Ela, coma nós, témolo interiorizado. Os moitos Lucianos que agroman cando reborda a podremia, están de parabén. E se non fose porque son respectuosa con toda clase de animais, diría que representan moi ben a imaxe que Risco nos deixara de don Celidonio, aquel home de prol que chegara a marrán logo de ser porco, na procura de altos designios, pero sempre entre lameiras en manifesta involución. Que noxo.

Da medo que a pata do sistema democrático que debera ser independente e garantista se manifeste tan feble