Pintar a pintura

David Barro

OPINIÓN

12 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Berta Cáccamo chegoulle todo antes de tempo. De vocación temperá, medrou nun universo ligado coa creación. As súas primeiras aparicións públicas espertaron unha rápida expectación no panorama peninsular, permitindo a súa firme inclusión no difícil contexto da arte española de finais dos oitenta e primeiros noventa, dominado case exclusivamente por homes. Agora, foise sen avisar, cando aínda temos fresca a súa exposición retrospectiva no CGAC e o seu derradeiro galardón: o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.

Berta Cáccamo é unha figura imprescindible da historia da pintura ibérica. Culta e reflexiva, foi quen de destilar influencias de artistas afastados no tempo como Giotto e máis recentes como Bernard Frize. A simboloxía celta e a capacidade imaxinaria das paisaxes vividas mesturábanse cunha premeditada necesidade de afastarse da realidade para procurar os valores plásticos que conducen á abstracción. Como artista sempre estivo disposta ao debate, consigo mesma e coa súa obra, pero tamén cos problemas da arte, coas súas imaxes. Co tempo, a súa pintura resultou máis cifrada e emprendeu un proceso de represión na cor, renunciando á facilidade da distracción do evidente e procurando o íntimo, unha viaxe interior. Da precisión do debuxo pasou á concreción poética, á pintura como sedimento.

A mediados dos noventa deixa que sexa a propia pintura quen traballe o cadro, aínda que cunha metodoloxía previa, investigando o proceso de pintar. O resultado foi un tipo de pintura de superficie, de aparencia inacabada. No cambio de século substituíu a mancha por trazos que atravesan o lenzo. Preocupábase entón por indagar que tipo de imaxe é a pintura. A súa serie de Verquidos é o exemplo máis claro desa preocupación por mostrar os procesos da pintura, por pintar a pintura. Por todo iso foi quen de conformar un lugar propio, destinado a uns poucos elixidos que son quen de convocar o emocional e o reflexivo cunha mera pincelada.