O proxecto de ETA e Zapatero

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«O proxecto de Zapatero é o proxecto de ETA». Dá un pouco de reparo aínda hoxe poñer isto nun título pero cómpre lembrar esa frase, tan repetida no 2006 -hai xa doce anos- á hora de facer iso que chaman o relato. Non dou entendido que é o tal que se empeñan en chamar uns e outros o relato. A non ser que falen dunha versión única e obrigada, non libre, do que pasou no pasado. A falta de estima pola liberdade de expresión e a pluralidade que apunta este empeño no relato -único- debe darnos que pensar. A falta de respecto pola complexidade do pasado resulta case insultante para os historiadores, pero acaba sendo un absurdo imposible. Isto do relato do que pasou, da narración única e oficial do pasado, é moi antigo, tanto como a Política e a Historia, pero non se corresponde con sociedades libres, aínda que a algúns desinformados lles pareza moi posmoderno. Foi o encargo que o jonsista Juan Aparicio, poderoso delegado nacional de Prensa e Propaganda -recoñecido mestre de xornalistas franquistas-, fixo en 1942 a un novelista mozo, e o resultado foi a historia dun tal Pascual Duarte.

No relato do que aconteceu até chegar aquí deberase incluír, entre outros semellantes, aquel furibundo ataque a Zapatero da cúpula do PP, representada nada menos que polos ex-ministros de Interior de Aznar para facer aínda máis crible se cabe a acusación de conivencia. Ángel Acebes e Jaime Mayor Oreja, seguidos por outros voceiros, usaron un argumento capaz de chegar con facilidade á ultima barra dun bar ou á última rolda de correo electrónico -daquela aínda non había redes sociais coma hoxe-. Aquel inmoral argumento acompañouse doutros secundarios. Todo isto tiña lugar no contexto dunha negociación do Goberno Zapatero co grupo terrorista, que continuaba a de todos os gobernos anteriores da democracia, incluído o de Aznar, na procura dun final que non daba chegado. Dixéronse e fixéronse cousas semellantes ou peores naqueles días para desacreditar ao presidente do Goberno, para o erosionar politicamente. Usouse o terrorismo como nunca antes se fixera como argumento e arma política. Hoxe sábese que o primeiro partido da oposición e os seus dirixentes estaban permanentemente informados da marcha das negociacións. Cóntase como noticia pero xa daquela resultaba máis que evidente que así tiña que ser. Non é necesario ser un sagaz xornalista nin ter que procurar unha gorxa profunda para descubrilo.

Todo isto acontecía no 2006, tres anos despois do Tamayazo madrileño, lembrarano, aquel suceso aínda nunca aclarado que falseou un resultado electoral limpo e democrático, obrigou a repetir unhas eleccións e nunca tivo consecuencias políticas nin legais. Hoxe sabemos ben que aquel asunto, a falta de consecuencias, legalizou o latrocinio público e privado ata extremos que aínda tardaremos en rematar de coñecer, e mesmo estendeu o modelo de saqueo a outras comunidades autónomas mediterráneas gobernadas polo PP. Ese tamén é o contexto no que hai que situar as declaracións daqueles dirixentes populares contra Zapatero e o seu proceso negociador. Para construír o relato.