A afiliación, dende as alturas

Jesús Vázquez Forno TRIBUNA

OPINIÓN

05 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha ollada aos datos de afiliación á Seguridade Social en Galicia nos últimos dez anos é unha boa maneira de contemplar dende o alto cómo vai cambiando a maneira de vivir da nosa sociedade. É, a simple vista, unha perspectiva numérica, mais profundando amosa novas realidades.

Tras esta década, aínda quedan preto de vinte mil persoas para achegarmos a esa cifra redonda do millón que se acadaba en marzo do 2009. Non será doado. A perda de poboación activa e o envellecemento frean a subida e moito me temo que, de non ser compensada nos próximo anos con fluxos migratorios, o crecemento do emprego non será abondo para superar ese difícil cumio.

Pero baixemos agora ao campamento base e vexamos o que atopamos por alí. O primeiro é menos xente dedicada a plantar patacas e a coidar as vacas. E outro tanto pode dicirse dos que saen ao trasmallo ou a mariscar. En dez anos, o sector primario pasou de representar o 7,5 % ao 6,1, é dicir, que tan só quedan 60.000 persoas traballadores nestas actividades. Para que logo sigan empeñados en amosar imaxes dunha Galicia rural que, para mágoa dos nostálxicos, xa se perdeu na néboa dos tempos.

Mais desta tampouco se libra a industria, que baixou dous puntos o seu peso no mercado laboral, ata o 14 %. Todos os subsectores perderon efectivos, agás o da alimentación, reparación de maquinaria, produtos informáticos e recollida e tratamento do lixo. Pero o que máis chama a atención nunha terra que presume de téxtil é que hoxe traballan nel catro mil persoas menos, quizais porque botamos cordadas noutros cumios, ¿non lles parece?

Na construción, a crise foi un auténtico alude e a día de hoxe sitúase no 7,5 % da afiliación, cando no seu momento acadara o 12: son 50.000 traballadores menos coa paleta na man.

Todo o dito serve para decatarse de que Galicia é hoxe unha alpinista dos servizos, que ocupan ao 72 % dos seus afiliados, fronte ao 64 % de hai dez anos, e que na súa mochila sobresaen a educación e as actividades sanitarias, residencias e servizos sociais e os servizos de comidas e bebidas, imprescindibles para non perder folgos.