Case cen anos despois

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

04 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús González Gómez, un dos máis curtidos e finos críticos que coñezo -non só das nosas letras-, autor de Ucronía, que asina como Carlos Posada, vén sendo tamén, sen dúbida, o galego que máis e mellor controla de surrealismo -véxase o seu Dicionario de surrealismo e surrealistas-. O bo do Xesús agasalloume, hai tempo, cunha xoia: a tradución ó castelán dun libro de Hilaire Belloc, prolífico literato en inglés, nado en 1870 nun arrabalde de París, fillo de pai francés e nai inglesa. Joseph Hilaire Pierre René Belloc, que así se chamaba ao completo, criouse e viviu en Inglaterra, onde foi alcumado Old Thunder (vello trono), desde os seus comezos na escrita. Belloc tirou do prelo, en 1930, a novela histórica Joan of Arc, que acadaría sona e difusión. De publicar esta obra en castelán ocupouse Emecé, Buenos Aires (1945), que a inclúe na Colección Los Libros Evocadores; ben linda, por certo. E velaí que o tradutor e anotador resultou ser Eduardo Blanco Amor. Moitas son as bibliografías blancoamoriás que ignoran este traballo. EBA chega a Baires en 1919, fuxindo da guerra de África, coma tantos outros mozos da súa xeración. E aínda que regresou en dúas ocasións a Galicia, en 1928 e en 1933, e que fixese longas e curtas saídas a Uruguai, Chile, Venezuela e algún outro país de América, EBA foi o escritor galego que máis tempo viviu alí: corenta e seis anos. Chegou na primavera e marchou, definitivo, no inverno de 1965. Morou en varios domicilios, pero onde máis cómodo se sentiu foi no apartamento de Juncal e Uriburo, planta baixa. A única propiedade de seu. Mentres non se faga unha investigación seria da relación que Blanco Amor tivo coa raíña do Plata, que il viu medrar e consolidarse desde todos os ángulos, quedemos coas datas máis significativas, coa cronoloxía esencial. Neste 2018, por exemplo, cúmprense 90 anos da aparición do seu poemario Romances galegos (1928) publicado por Céltiga, a revista que co-dirixiu. Libro que máis nunca foi reeditado individualmente. Así mesmo, en 1948, EBA remata a súa primeira novela en castelán, La catedral y el niño; publícalla Santiago Rueda, fundador da cadea de librerías Fausto e primeiro en apostar polo Ulises de Joyce en castelán. Un luxo de editor.