Violadas polos xuíces


Sentímonos así. E iso pasa aquí, onde para un fiscal é terrorismo unha liorta nun bar e para tres xuíces non é violación que cinco homes inmobilicen unha rapaza e a penetren por quendas por todos os buratos do corpo, lle rouben o móbil para que non o conte e a deixen tirada nun portal. Mira que sentirse agredida! Esaxerada! Coméronlle o coco as feministas. Porque aquí, onde non se pode ir de amarelo ao fútbol, ser xuíz tanto che dá a prerrogativa de manter no cárcere durante seis meses a dous señores que arengaron unha multitude, como che outorga de papilisnostris a sabedoría sobre o que fai unha cando goza co sexo e cando non. Aquí, si, aquí, seguimos niso de que, se non te resistes, é que andas buscando guerra. Quizais tiñas o dedo maimiño libre, tía; se cadra un pé ben podías movelo para que, cando poñas a denuncia, non veñan tres xuíces dicirche que só estaban abusando de ti, que para que te violasen tiñas que poñerte en plan Lara Croft e sacar o lanzachamas. Lembremos iso cando nos violen, amigas: un pouquiño de teatro, como cando finximos un orgasmo, pero ao revés. En ambos os casos dálles igual o que nós sintamos. Porque no camiño entre sermos forzadas e finxir os orgasmos aprendemos que ser violada é algo que hai que vivir en silencio, coma as hemorroides. Eles mandan e por iso nunca te violan; como moito, abusan un pouquiño. Se non aprendes a ser muller dese xeito, aí tes os xuíces, dispostos a te pór no teu sitio. Vamos, que só é violación se, de paso, te matan. 

Pois aquí, onde unha agresión sexual é basicamente coma cantar un rap, pregunto eu: e quen xulga aos xuíces que violan a nosa dignidade de mulleres?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos
Comentarios

Violadas polos xuíces