Artes e oficios

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

OPINIÓN

23 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non teñas nada no teu fogar que non consideres útil ou creas fermoso». A cita podería subscribila Marie Kondo ou calquera guía para a renovación doméstica e tamén vital, pero en realidade é unha das máis coñecidas de William Morris. Nado en Inglaterra en 1834 e falecido catro anos antes do remate do século, Morris foi unha das figuras máis visibles do movemento Arts and Crafts, que poderiamos traducir por Artes e oficios, unha reacción aos excesos da entón abafante Revolución industrial: fronte á produción en masa, despersonalizada e moitas veces resultado dun entorno deshumanizado, os Arts and Crafts volveron a ollada á Idade Media para recuperar dela a noción da artesanía e as calidades únicas de cada obxecto, fose algo tan grandioso coma un tapiz ou tan cativo coma unha teteira.

Se a cita de Morris semella de hoxe mesmo é porque os valores que reivindica tamén son máis actuais ca nunca. Hai un retorno á materialidade e un auxe dos procesos artesanais: aí están para probalo a popularidade de disciplinas dende a cerámica á elaboración de teas e a costura, a caligrafía esmerada ou os arranxos florais. Esténdense vizosos a través de obradoiros e cursos, pero tamén grazas á exposición multiplicadora das redes sociais virtuais ou mesmo programas de televisión, aproveitando os recursos dos mesmos medios cuxo dominio propicia este rexurdimento de artes e oficios.

Porque igual que os Arts and Crafts se rebelaron contra a tiranía fabril, tamén agora o artesán nace do desacougo que trae consigo o virtual e a vida cada vez máis efémera dos obxectos. Un refluxo contra a vertixe que dá un tempo que de tan acelerado non deixa pouso, un antídoto de pezas que contan unha historia de seu, que ao sostelas percibimos a dignidade das mans de quen as fixo, que nos acompañarán anos e anos ata esmorecer sen deixar refugallos tóxicos. Por iso tampouco é casual que esta nova xeira do manufacturado veña en tempos incertos, igual que Morris foi un pioneiro do socialismo e vía no seu traballo un vieiro para a calidade democrática. Por pechar con outra cita súa: «Non quero unha arte só para uns poucos, igual que non quero unha educación ou liberdade só para uns poucos».