Mobilización total

OPINIÓN

23 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De certo que produciu o móbil unha verdadeira mobilización das sociedades, todas elas, nos nosos días. Ninguén pode poñer en dúbida a súa utilidade e o avanzado medio de comunicación que representa o seu uso. Outra cousa é o seu abuso, sen dúbida tamén, que adoito se fai deste trebello. Tanto pode ser o seu abuso que, na xeneralidade dos casos, o trebello parece impoñerse á persoa que o usa, que esta se volve parasitaria dependente e pode chegar a anulala como persoa ou, polo menos e sen dúbida, a deixar escorada a personalidades que, como os máis novos, teñen máis ductilidade para seren influenciados.

Sería interesante facer un catálogo de situacións que porían ben de manifesto isto que afirmamos.

Todos teremos visto a peóns cruzando unha rúa, agarrados ao seu móbil e tan absortos na conversa ou no xogo que cadre sen mirar nin á dereita nin á esquerda, sempre cara adiante, creando un risco máis de tráfico, ou falar a berros nun autobús, como exhibindo moi satisfeitos o tal trebello, obrigándonos a escoitar conversas vougas, baleiras e sen graza.

E xa nin digamos nada dese afán desmedido de facer fotos de todo o que se poña por diante e que seguro que nunca máis se volverán ver. Ou cando as fotos se fan dun accidente, fotos a esgalla, poñendo nelas toda a atención, pero nunca no accidente mesmo, esquecéndonos de axudar a quen o necesite. Os exemplos poden poñerse a esgalla.

Pero ese xoguete, tan útil na súa orixe, pode estar axudando, especialmente entre os máis novos, a illalos da realidade, a chucharlles enerxías, atención e tempo.

Case seguro que o sistema está moi satisfeito: nunca tan barato e doado lle saíu distraer á xente, isto é, afastala da espiñenta realidade que lles tocou vivir.