Alemaña e España, diferentes xuíces e xurisprudencias

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As probabilidades de que os xuíces alemáns concedan a extradición de Puigdemont son e sempre foron improbables. Tanto como as de que un xuíz español extradite alguén a Irlanda por un delito de suspensión do embarazo. As razóns de por que é así non deben buscarse no pensamento máxico e menos aínda no patriótico. Poden buscarse nos precedentes e na historia. Mesmo poden materializarse. Sábese que o único delito equiparable ao de rebelión («dos que se alzaren violenta e publicamente») na lei alemá é o de alta traizón, pero non sei se é sabido que nunca foi aplicado dende a fundación da República Federal Alemá en 1949 e por que.

Nunca houbo unha condena, segundo o profesor de Dereito Penal da Universidade Humboldt de Berlín, Luís Greco, e nin sequera chegou a aplicarse nunca tal delito, segundo revisou outro profesor da mesma materia da Universidade Técnica da capital alemá, Carsten Momsem. Nunca foi aplicado aínda que por dúas veces valorouse a posibilidade. A primeira, na década dos setenta contra os terroristas da Fracción do Exército Vermello, dirixidos por Andreas Baader e Ulrike Meinhoff, que causaron máis de trinta mortos, varios secuestros e un bo feixe de atentados; a segunda, en 1981, cando milleiros de ecoloxistas convocados polo activista Alexander Schubart provocaron graves enfrontamentos coa policía ao ocuparen as pistas do aeroporto de Frankfurt na protesta por unha polémica ampliación. O argumento para desestimalo neste último caso foi que a violencia exercida non era quen de vencer a un Goberno.

Todo isto explícao a pescuda dunha xornalista galega da axencia alemá de prensa (DPA), que tamén recolle que tal delito só foi aplicado unha vez na República Democrática Alemá contra un oficial da Stasi, a policía política daquel Estado da órbita soviética. Na historia recente da Alemaña unificada a última referencia de aplicación do delito de alta traizón foi un caso dramático e aínda moi lembrado da época nazi: os irmáns Hans e Sophie Scholl, estudantes do movemento A Rosa Branca, foron xulgados, condenados e guillotinados en 1942, acusados de provocar a desmoralización do Exército por lanzar panfletos chamando á resistencia pacífica contra o réxime. A súa memoria foi cultivada pola súa irmá, a escritora Inge Scholl, e universalmente actualizada nun filme de hai unha década.

Ata aquí os datos. As razóns que xeraron tal prudente xurisprudencia pódense argumentar. Teño para min que a inmensa cautela amosada na cualificación deste tipo de delitos en Alemaña ten que ver coa súa memoria e coa súa historia -e coa dos seus xuíces- que certamente é diferente da nosa -e da dos nosos xuíces-. Ten que ver con ese patriotismo constitucional de Habermas, tan citado en España como manipulado e incomprendido, que alerta contra o autoritarismo e obriga á memoria permanente sobre a culpa alemá. Esa alerta e esa obriga son as que informarán a aplicación da euroorde e non outras consideracións, alí onde a Xustiza tamén é independente pero nin desmemoriada nin superadora da política, senón todo o contrario.