Pouco sosego democrático

OPINIÓN

16 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces mesmo parecemos un país entolecido. O caso da resolución do tribunal de Schleswig-Holstein, entre tantos outros, pode ser ben ilustrativo. Nada importa que máis de cen catedráticos de Dereito Penal rexeiten o tratamento que lles quere dar o instrutor español, que esgrevios constitucionalistas sosteñan que a instrución deste conculca dereitos fundamentais e que especialistas hai que digan que a acusación non hai por onde collela. O que importa é a visceralidade sen criterio, pero condenatoria do que nin de lonxe se coñece.

A calquera cun mínimo de racionalidade se lle tería ocorrido que a cuestión ten, cando menos, unha certa complexidade para os profanos, ou para os que non coñecen o dereito europeo, ou non están dentro dos ensarillados recunchos dos procedementos xudiciais. Só por iso sería bo un mínimo de respecto ás posicións duns e doutros.

Non é pouca a literatura que se ten producido en publicacións ás que calquera pode acceder e que nos permiten chegar, ao menos, á conclusión de que hai un problema, moi claro para algúns e ben entrambilicado para outros, sometido á consideración da xustiza doméstica e da europea. Só por isto, o respecto democrático debera impoñerse.

Por cultura democrática, que non por unha ciencia que non se esixe ao común dos mortais, sería bo que certos tertulianos, opinadores e semellantes se esforzasen máis en comprender que en xulgar. Sería un bo exemplo de sosego democrático que a maioría ben merece.

E tratar de comprender está hoxe ao alcance de calquera que realmente o queira acadar. Pero aquí é onde, por incultura democrática, fallamos. Porque a nosa actitude natural é a descualificación, non a comprensión, o dogma e non o raciocinio. De ai a mala saúde democrática deste país.