Falsificacións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A un veciño da cidade herculina puxéronlle unha multa. A causa? Aparcar como non se debe. E de canto era o importe? 1.050 euros. 

Cal foi a infracción? Deixou o coche aparcado sete días diante dun garaxe? Nunha praza reservada a minusválidos? Ía a 240 km/h nunha zona limitada a 50?

Ollo, que a resolución da pena incluía seis meses de cárcere!

Debeu atropelar a alguén.

Si, iso pensei. Pero... nada máis lonxe da realidade.

O home falsificou un tícket da ORA. O que oen. Foi condenado por estafa e falsificación de documento, o cal non lle falta razón. Pero, pregunto eu. Se en lugar de falsificar un resgardo do aparcamento polo que teriamos que ter pagado 2 euros, falsificamos un título académico... que pode pasar? Sendo proporcionais... digo eu que ano e medio de cárcere e 20.000 euros de multa, non? Ah, e inhabilitación, que foi o que lle pasou a este veciño por fotocopiar o tícket vello e modificar a data.

Axiña o saberemos, pois estamos a enfrontarnos a un caso semellante. A xustiza ditará sentenza. Pero, saben? No caso da señora Cifuentes o peor non é se posúe ou non un título falso. Non. Nin que non dimita. Para nada! Iso tampouco. O máis grave, para min, é esa maneira de mentirnos, así, descaradamente. Sen necesidade. Todo iría mellor se puxeran a humildade e as desculpas por diante. Porque, sexa como for, o que xa está máis ca probado é que as condicións non foron as mesmas que para os demais alumnos. E iso, nunha sociedade que garante a igualdade de oportunidades, non se pode permitir.