Cifuentes, o catedrático e o reitor

Lourenzo F. Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de independencia do reitor da Universidad Rey Juan Carlos (URJC) foi polo de agora a máis grave revelación do asunto Cristina Cifuentes. Que en España hai corrupción era cousa sabida, que afecta á Administración tamén. Que o PP de Madrid é un pozo sen fondo de trapalladas, enganos e miserias humanas non imos descubrilo. Que os políticos da dereita non dimiten antes de que un xuíz demostre que son culpables dalgún delito tampouco é novidade. Que todo iso deteriora a confianza dos cidadáns nas institucións e no sistema democrático, se non o sabemos, saberémolo nos próximos meses e anos. Para os universitarios -agora tamén para o conxunto da sociedade-, o que desvenda este caso son outras cousas, moi importantes e non descoñecidas. Mesmo ben coñecidas e por iso criticadas e corrixidas -ás veces- dentro das universidades nas últimas décadas.

A máis determinante e decisiva, a clave de bóveda deste asunto, foi a falta de independencia política e institucional e de criterio académico e político demostrada polo reitor da URJC na súa primeira rolda de prensa. Aquela comparecencia, na mesma mañá en que un xornal publicou a información, pretendía calar o asunto dende a súa autoridade académica e provocou o contrario: permitir ao PP inverter a carga da proba, até converter o problema dunha política que parece que mentiu e segue mentindo no problema da universidade que dirixe. Por que tiña que saír o reitor a salvar á presidenta da Comunidade de Madrid? Por que tan axiña puxo a man no lume por ela só co aval verbal dun catedrático director do máster e doutro profesor? Que présa tiña? O que calquera reitor cun mínimo de criterio académico, independencia política e estima pola institución faría sería anunciar a apertura dunha investigación interna: o que tal fixo días máis tarde cando as sospeitas de fraude estaban desbordadas. O outro que desvela é un enorme fallo na administración desa universidade, posiblemente relacionado co paso da administración en papel á electrónica, pois o cambio da nota dunha alumna require unha dilixencia en papel ou electrónica e os controis e a transparencia están blindados en todas as universidades que coñezo. A última revelación: o dominio feudal dalgún catedrático sobre os seus discípulos é cousa antiga que moitas universidades e departamentos lograron erradicar na democracia e outros non. Na URJC non, porque foi creada precisamente para reproducir ese modelo, en 1996, por Gallardón e Villapalos.

Descoñeciamos asemade o tamaño da deshonestidade; que a falta de respecto á verdade de Cifuentes e de quen a defende podía chegar ao extremo de remitir a verdade a un papel falsificado e negarse a dicir o que sabe. Non nos diga que di o papel: díganos se foi a clase, se fixo o traballo de fin de máster. Que clase de perversión xurídico-moral hai detrás disto? O que ten que facer é dicir a verdade: ensinar o traballo ou dimitir e desaparecer. Prefire deteriorar ao seu partido, á política española, á Comunidade de Madrid e á universidade -do reitor ao último matriculado- antes que falar e dicir a verdade!

Van ter razón os que din que a resposta ao misterio do mestrado de Cristina Cifuentes Cuencas está nas iniciais do seu propio nome: CCC. Debeu facer o seu currículo -véxase na rede- por correspondencia.