Clark Gable

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

gran protagonista de Gone with the wind é Clark Gable, a quen tanto admira o Mariló. Eu teño por costume pasar algunha tarde da Semana Santa peregrinando por algunha destas películas de longametraxe. Abondaron a pasada semana. É o meu modo de render homenaxe ao tempo: esa realidade inmutable que nos conforma. Somos tempo e memoria. O resto é silencio, como unha liña dunha traxedia de Shakespeare. Talvez por iso eses días tornou a melancolía: en Semana Santa todo parece deterse, coma se as agullas dun cronómetro imaxinario declarasen un estado de folga permanente. Sálvame a cuadrilla deste pesar, co sol deitado no horizonte ás nove da noite: anunciando o verán. A cuadrilla. Parece que foi onte cando saiamos como o Sétimo de Cabalería no entroido de Verín. O Mariló di que para matar o tempo non encontra nada mellor que darlle golpes a un reloxo. É o seu modo de facer poesía nestas tardes interminables. Interminables e tristes. Porque temos que aturar ao Bernardo, que este ano non puido saír levando o santo na procesión por mor da súa pubalxia. Consolámolo con Cardús, que é a bebida que máis estimula a súa creatividade. Sentou na lareira. Deixou a mirada perdida no teito e contou algunha graza para disimular a melancolía. «Neno, bótame outro Cardús», dime sinalando a botella de Cardhu, whisky esencial. Eu fágolle caso e dígolle que podía ser peor. «Non nos falta de nada, Berni». «Certo», contéstame, «sóbranos todo». O Mariló, que ten días nos que practica alta filosofía, engade: «Sóbrannos o colesterol, as transaminasas, os triglicéridos, a tensión...». Tapámonos coa manta e vemos, en versión castelá, Lo que el viento se llevó. Clark Gable xa non é o que era.