Rande e Constitución: dúas pontes, unha diferenza


Rande é unha ponte de peaxe nunha autoestrada de peaxe que mide un quilómetro e medio e foi construída hai corenta anos, pola que circulan uns setenta mil vehículos diarios. A da Constitución de 1812 é unha ponte gratuíta que mide tres quilómetros e foi construída hai tres anos, pola que circulan unha media de dezanove mil vehículos diarios. A de Rande é a ponte que serve de saída a toda a Galicia atlántica cara a Portugal e que une o norte e o sur da ría. A da Constitución é unha das tres pontes que unen a cidade de Cádiz co exterior. Todas as autovías de Andalucía que unen as súas oito capitais de provincia e varias máis que unen outras poboacións menores son gratuítas agás un pequeno tramo de Xerez a Sevilla. Agora que o Parlamento galego está a reclamar sen éxito a transferencia -non a gratuidade- da AP-9 é bo lembralo. Tamén que os únicos que pagan para entrar e saír de Madrid son os que viaxan dende ou cara ao noroeste. Será para que se vaian afacendo a pagar peaxe ou será porque iso que chaman orografía só funciona contra o noroeste.

Agora que estamos a facernos cargo cos nosos impostos do grande fracaso que foron as autoestradas radiais de Madrid que dobraban, cunha fórmula de peaxe, as autovías gratuítas que saen e envolven a capital do Estado é bo lembrar que Lugo e Ourense ou Lugo e a capital de Galicia non teñen enlace por autoestrada, ou que o enlace entre as cinco cidades galegas da fachada atlántica é de peaxe e que o das dúas cidades do norte con Ourense, a través da capital de Galicia, tamén é de pago. Por non falar de A Coruña-Carballo ou de que as alternativas ás autoestradas galegas de peaxe en Galicia son simplemente impracticables. Tamén é bo reparar en que na súa obcecación radial o ministerio programou unha autovía -en construción até 2022- entre Santiago e Lugo que en realidade só serve para saír cara a meseta: o que vén supor que todo o tránsito do sur de Galicia cara á autovía do Cantábrico (A-8) e a fronteira francesa deberá seguir a facerse por Curtis ao longo da N-634 ou pagando a peaxe pola autoestrada AP-9 percorrendo vinte e tres quilómetros máis.

As aspiracións nacionais sempre levan algo de diñeiro soante aparellado, tamén as territoriais aínda non sendo nacionais. En democracia ademais cóntanse os votos para tomar decisións e eses votos levan con eles investimentos do Goberno do Estado. Nada hai de racional no resultado, pero si moita inxustificada desigualdade no destino dos recursos públicos. Despois están as bandeiras, os himnos e mais as musas que queren pórlle letra ao himno, mesmo as casulas de oficiar misa coas cores da patria. Por certo, a vila de Puerto Real, que está no outro extremo da citada ponte gaditana da Constitución, conta cuns magníficos estaleiros que locen dous inmensos guindastres pórticos que seguen servindo para construír os buques que en Fene xa hai décadas que non deixan construír. Das subas das peaxes para pagar a chistosa ampliación de Rande mellor non falar e das peaxes en sombra tampouco. Cousas veredes!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Rande e Constitución: dúas pontes, unha diferenza